«Letra de médico», dicíase antes cando un producía textos ilexibles a man. A verdade é que os dous médicos aos que eu lin -o meu pai e o meu avó- tiñan una letra excelente. O meu avó dicía en broma que ao mellor o problema non era tanto que os médicos non escribisen ben como que os farmacéuticos lían mal. Eu penso en cambio que o xénero da receita, que era o cerne da cuestión, é opaco en si mesmo, como o soneto gongorino, cheo de escuros termos gregos. Conservo algúns deses pequenos haikus que escribía o meu pai coa temática do vademecum e gústame mirar a letra. Non creo na grafoloxía, pero a letra é un rastro visible do que foi alguén, igual que as fotografías e os traxes vellos.
A noticia, a semana pasada, de que Finlandia pensaba suprimir a aprendizaxe da escrita a man provocou, como tantas veces, as emocións encontradas da nostalxia e o progreso; as dúas, enganosas. A caligrafía era un elitismo estético, mais en gran medida tamén era unha necesidade práctica: coa plumiña, se non se debuxaban as letras con xeito, esborranchábase todo. En realidade, pouca xente dominaba ou necesitaba a caligrafía, era un coñecemento especializado, e o intento de aprendérllelo á todos durou tan só ese par de xeracións, as que pasaron apertadas entre a erradicación do analfabetismo masivo e a invención do bolígrafo, que permitiu escribir sen preocuparse tanto da letra.
Aquela foi quizais unha revolución bastante maior que a que presenciamos agora. Contra o que se dixo, o que se abandona en Finlandia non é a escrita a man, senón unicamente a cursiva, na que se unen as letras, e que agora se vai substituír por clases de mecanografía, o que non é particularmente novo nin moderno. A cursiva que usamos hoxe non é máis antiga que o teclado: inventouse na primeira metade do século XX precisamente para escribir máis a présa, e o seu uso foise estendendo contemporaneamente ao da máquina e escribir.
Non é que o cambio estea mal. É verdade que a xente apenas escribe textos longos a man. Pero isto é sempre así. Tamén agora é só una minoría a que escribe textos de máis dun parágrafo cun teclado. Os fabricantes de ordenadores, de feito, estanos suprimindo en favor de «tabletas» táctiles. E nos teléfonos móbiles non se emprega mecanografía, senón que se escribe con dous dedos, unha técnica que non require aprendizaxe. De os todos xeitos, é moi posible que a mecanografía pronto se converta noutro coñecemento elitista, como pasou coa caligrafía e logo coa cursiva moderna. Para a maioría dos usuarios, os sistemas de recoñecemento de voz servirán de sobra. Teclear quedará para os poucos que precisan escribir a maior velocidade. Escribir a man sempre será necesario ocasionalmente, porque para tomar notas o papel e o bolígrafo é o formato máis cómodo, barato e simple. É un de tantos falsos dilemas tecnolóxicos. As tecnoloxías raramente desprazan de todo ás anteriores.
Por exemplo, eu estou escribindo este artigo a man. Tecleo a moita velocidade pero neste caso non teño présa. Estou nunha cafetería e non quero cargar cun ordenador. Tomo notas nos panos de mesa de papel e escribo nun caderno, con calma, esforzándome por facer unha letra agradable á vista, aínda que só a vou ler eu. É como debuxar e escribir á vez, traballo e descanso. É innecesario pero pracenteiro, como tantas cousas nesta vida. Aldous Huxley, aínda que non estaba cego, aprendeu braille para dar descanso aos seus ollos. Tamén por iso eu escribo a man ás veces: para descansar un pouco da luz cegadora das pantallas iluminadas.