Todos os días aparecen noticias de xente que defraudou, enganou, ocultou contas bancarias, cargou viaxes persoais ao erario público, emitiu facturas falsas, en fin, que cometeu toda clase de delitos que seguen impunes. A corrupción está tan difundida que é noticia que alguén devolva un bolso con diñeiro. É bo que se destaque, porque a honradez é un ben en perigo de extinción. A min gustaríame escaquear o 21 % que me descontan do meu traballo, porque me parece inxusto que a cacarexada «recuperación económica» se faga a expensas dos sufridos funcionarios e de recortar prestacións e cargar impostos aos que cada vez temos menos. Eu considérome unha privilexiada. Cobro a máxima pensión do funcionariado de educación: 2.043 euros. Pero como non me dá para facer viaxes a Canarias nin teño tarxeta opaca para pagar luxos e caprichos, escribo novelas e dou conferencias, cursos e talleres, que hai oito anos me pagaban a mil euros (as catro horas, menos un 16 %), e este ano páganme a 500 euros, menos un 21 %. E como a xente non merca novelas, porque non pode ou porque as piratea arreo sen que ninguén lle poña couto, eu con gusto aforraría ese 21 % que me parece abusivo e inxusto. Pero a miña nai, cando eu era nena, fíxome devolver un conto que viña pegado a outro que comprara, e non quero perturbar o seu eterno descanso, así que, cando fale con ela direille: «¡estou farta de apandar, mamá!». Pero débocho: seguirei a facelo.