«Hooligans»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Que é o que lle pasa pola cabeza ao pai dun neno de catro anos ao meterse de madrugada nun bus para participar nunha pelexa multitudinaria a 700 quilómetros? ¿En que pensa un adulto que identifica as cores do seu equipo unha causa á altura dos grandes ideais do ser humano? Os fanatismos parecen aínda máis estúpidos cando se trata de simple fútbol. Ou, en realidade, o simple fútbol, co que ten de primario e irracional, non é máis ca esa luz vermella que nos alerta de que estamos nunha sociedade enferma que, se cadra, só atopa a liberación nunha violencia animal, dionisíaca, e cruel coma a peste, a vidas nas que a desesperación non atopa máis escape ca o fútbol, cos seus cánticos e peñas, os himnos e as apertas a descoñecidos que se viran en golpes se for necesario, coa súa irracionalidade que agradeces tanto se aplicas a lóxica á túa vida e só atopas o camiño noxento da traxedia. Pasou naquela Inglaterra dos oitenta do paro e da reconversión industrial. E pasa hoxe nesta España que paga as consecuencias da xeración que deixou a escola para ir gañar unha pasta á obra e que se consola agora da súa desgraza co combate a morte entre as afeccións de dous equipos de fútbol.

Miro as fotos do Jimmy, o afeccionado do Dépor asasinado polos seus rivais nunha mañá de domingo á que lle prestaba máis a imaxe dun pai xogando ao fútbol co seu fillo, e vexo na súa faciana de sorriso os restos dunha vida castigada. Quizais nacemos condenados. Ou quizais este país de superficiais aínda segue crendo que o problema da violencia no fútbol é simplemente iso, aloucados que matarían polas cores do seu equipo porque están en guerra santa contra o adversario.