As cifras do galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Alá vai a lingua, corre que te corre e polo mar abaixo, coma a troita do cantar. Podemos mirar para outro lado. Podemos botarlle a culpa ás familias que non falan galego cos fillos e están a romper a liña de transmisión natural do idioma. Podemos culpar á Administración que non se molla, á sociedade civil que non exerce, ás nosas clases dirixentes, que nunca deron entendido nin o valor simbólico nin o valor económico dun factor de singularidade que xa quixeran para si outros pobos e que mesmo en termos económicos ten unha significación obxectiva e incluso estratéxica: ponte de enlace entre o castelán e o portugués para viaxar polo mundo. Podemos botarlle a culpa á historia. Ou volver á vella imaxe da botella medio baleira ou medio chea, segundo a queiramos ver. Pero a realidade é obstinada: a lingua nosa, o galego, se non o remediamos se nos vai, igual que a demografía. Están bastante relacionadas.

Nunca haberá crecemento demográfico se non avivamos no país (nas novas xeracións) un proxecto de futuro esperanzador. Reproducímonos (biolóxica e culturalmente) para continuar, porque cremos na continuidade. Cun horizonte económico estragado, a economía sen folgos, os recursos e as institucións que podían xestionalos desaparecidas, a cultura da precariedade rampando impunemente por todas partes, a incerteza como principio dominante e sen a máis elemental política de protección ou apoio, ¿quen lle pode pedir ás novas parellas o heroísmo de traer ao mundo criaturas? Abondo teñen con sobrevivir. Estamos a falar do primeiro mundo, abafado ademais polos valores do consumo, non doutras realidades.

Coa lingua sucede o mesmo. ¿En que contexto social se desenvolve a nosa xente moza, onde se detectan as caídas mais espectaculares do uso do idioma? A demagoxia con que se abordou esta cuestión na confrontación política que instalou de novo o Partido Popular no goberno, no ano 2009, acusando á coalición PSdeG-BNG de impoñer o galego pola brava e de querer desterrar o castelán do sistema educativo, foi escandalosa. Afrontar o problema exclusivamente dende o ámbito escolar (onde o ensino privado campa por libre sen que ninguén lle pida contas e cos recursos públicos cada día máis minguados) é introducir a lingua nun gueto, esquizofrénica burbulla que estoura nada máis saír das aulas: medios de comunicación, espazos de lecer, produtos de consumo, igrexa, servizos sociais, publicidade, etcétera.

O Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento, quería avanzar nesta dirección. Mais todo ficou en nada, ou en ben pouco, decididamente insuficiente, alén de declaracións retóricas. Só se a sociedade galega percibe a través dos seus dirixentes (non só políticos, tamén económicos e civís) a utilidade e a práctica real (non ficticia) da lingua, a memoria dos avós poderá empezar a ocupar os espazos necesarios da modernidade, o progreso social e a reprodución demográfica que pasa de pais a fillos. Só daquela deixará de concibirse coma un adorno e empezará a considerarse un activo de futuro.