Un bo transporte escolar

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

03 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A Dirección General de Tráfico, ven de levar a cabo unha campaña de maior control do transporte escolar, un dos mellores servizos públicos de Galicia. Ten unha alta calidade, tanto nos aspectos técnicos e humanos coma nos seus resultados de seguridade. A pesar de trasladar acotío máis de 93.000 nenos ao longo de 140.000 quilómetros, non hai incidentes importantes. É o principal argumento para contar coa plena confianza, sobre todo dos pais de alumnos.

A mediados do pasado século, a transformación das escolas unitarias e graduadas en agrupacións escolares creou a necesidade de transportar os alumnos aos seus domicilios. Esta tarefa sempre resultou moi complexa e perigosa tendo en conta as dificultades orográficas e climatolóxicas galegas e a altísima dispersión da poboación. Galicia conta nada menos que cun 50 % dos núcleos de toda España e todos queren que o vehículo chegue o máis preto posible da súa casa, ata o punto de mover o que faga falta para conseguir ampliación de pistas ou espazo onde virar. Xa que logo, os autobuses teñen que ir parando constantemente e facendo, en moitos casos, dificultosas manobras. A permanente mellora das nosas estradas, a pericia dos choferes e os omnipresentes anxos da garda, dan como resultado a seguridade que temos destacado.

Agora ben, un servizo coma este supón uns custos moi altos, que tardaron ben anos en estabilizarse. Poucos saben que o transporte escolar de Galicia cústanos a todos sobre 120 millóns de euros. ¡Case 20.000 millóns das desaparecidas pesetas! Cando eu tiven responsabilidade de goberno, chegou a supoñer unha quinta parte do custo de todo o transporte escolar do Estado. A principal razón do constante aumento dos prezos deste servizo ven estando na mellora das condicións de seguridade. Os requisitos técnicos e os elementos de protección dos vehículos non deixaron de medrar. A última norma, un real decreto do ano 2001, tivo unha especial relevancia ao crear a figura do acompañante. Este novo profesional contribúe, de xeito moi eficaz, a eliminar o alto risco de incidentes nas subidas ou baixadas ao autobús, que é cando se produciron a case totalidade dos accidentes graves.

É necesario racionalizar as rutas do transporte escolar porque en bastantes casos supoñen un dispendio, non asumible no actual contexto económico. A Xunta regulou esta posibilidade na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña aos presupostos do 2015, pero con carácter previo debería facer dúas cousas. A primeira, actualizar o mapa escolar de Galicia, que non se toca desde finais do século pasado, coas profundas reformas implantadas pola Loxse. En segundo lugar, establecer un marco de negociación co sector empresarial do transporte. Os responsables das asociacións son conscientes da súa grande capacidade de presión e nunca dubidaron en poñela en práctica cando viron ameazada a máis importante vía de ingresos.