Violencia terrorífica

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Un domingo de hai un par de anos, ou tres, vivín unha das situacións que máis medo me provocaron. Xantaramos cuns amigos e regresabamos a casa a pé, porque ía un día estupendo e sempre me gustou camiñar. É o mellor xeito de coñecer os lugares.

Presentábase unha tarde agradable. Falabamos e avanzabamos polas rúas sen présa. De súpeto, escoitamos un balbordo que se achegaba ás carreiras. O tumulto non tardou en alcanzarnos. Ducias de mozos, quizais medio cento cento, comezaron a pasarnos ao carón, correndo escandalosamente, golpeando coches, colectores, mobiliario urbano... todo o que se puña por diante.

Sementaban o pánico.

Intentamos resgardarnos nun portal dun edificio, evitando mesturarnos na turba, pero ante a histeria colectiva, ao final demos en correr, afastándonos o máximo da masa exaltada que galopaba pola cidade.

En canto puidemos, desviámonos noventa graos. Atrás quedaban estragando un bar. Os tallos, as cadeiras, as mesas, saían voando pola porta cara a fóra. Romperon cristais de coches, aboiaron portas, teitos... Pola desfeita, do establecemento só saía fume. Escoitabamos baixar as reixas e pechar establecementos ao noso paso.

Sentín ganas de chorar. Polo medo, si, pero tamén pola carraxe. As bágoas volvéronme aos ollos cando vin a imaxes do altercado. Non fai falla que lles diga que foron seareiros de dous equipos de fútbol que se enfrontaban aquela tarde.

¿Por que o deporte se lixa desta maneira? Os que así actúan son quen menos aman as colores que din defender.