Déixaa ir

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin quedará en nós o baleiro enorme dun mundo sen as parvadas de Ana Mato. Déixaa ir, ou como se dicía na miña casa, a da funeraria, que Deus a teña alá moitos anos sen nós. De todas as perlas coas que nos agasallou, a miña favorita foi a de xustificar o non financiamento dos tratamentos de fertilidade a lesbianas e solteiras aludindo á «falta de varón» como unha de praga inasumible para a Sanidade pública. Que fermosura de retórica bíblica; que poeta vimos de gañar. Claro que, ¿que agardar dunha ministra de Sanidade que, acabada de nomear, afirmaba que a Sanidade «é absolutamente insostible»? ¿En que dicionario buscaría esa palabra ela, a que estaba afeita a que os bolsos de Vuitton lle nacesen no armario e o Jaguar no garaxe? En fin, ela estaba convencida de que unha muller que non coñece varón (¿ou barón?) non sabe nada, non se pode permitir nada, non é máis que alguén que só recibe, xa sexan fillos, aniversarios con pallasos, botellas de viño, fins de semana nun spa. A cada ministra do PP que pasa, estou máis certa de que as demais somos idiotas por casar con maridos cuxos amigos non nos fan agasallos.

Ai, a envexa que me corroe desvíame. Dimitiu, si, a ministra do copago sanitario, da retirada da tarxeta aos inmigrantes, da eliminación de determinadas vacinas, das amizades perigosas coa industria farmacéutica, do saber sobre o ébola polos medios de comunicación, da privatización inxustificada dos hospitais. Con ese currículo inmellorable, resulta que marcha porque seica se aproveitou dos agasallos dos amigos gürtelosos do seu home. Déixaa ir, pensa Rajoy mentres lle fai un test de intelixencia ao vindeiro ministrable.