Fraga ía en serio

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

29 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O 1 de xaneiro de 1976 Fraga e Areilza falaron das reformas a facer inmediatamente: Cortes elixidas por sufraxio universal, modificación da Lei de Asociacións, de 1964; liberdade de reunión e expresión? Areilza comenta no seu diario: «Fraga tiene una enorme capacidad de trabajo y de producir papeles. Se ve que está dispuesto a jugarse mucho en este envite».

O 11 de febreiro, baixo a presidencia de Arias Navarro, celebrouse a primeira reunión da comisión mixta Goberno-Consello Nacional para estudar os proxectos das Leis de Asociación Política e de Sucesión, e a modificación da Lei de Cortes.

Formaban a comisión os ministros De Santiago, Fraga, Villar Mir, Areilza, Garrigues, Solís, Martín Villa, Suárez e Osorio; e os conselleiros nacionais Fernández Miranda, Fueyo, Girón, López Bravo, García Hernández, Miguel Primo de Rivera, Ortí Bordás e Sánchez de León. Arias dixo unhas palabras sobre as lealdades e a reforma, e Fraga, ao poñer sobre a mesa os proxectos, anunciou:

«Este es el listón a partir del cual debe hacerse la reforma, y quiero que quede claro, que no estoy dispuesto a admitir, en ningún caso, ninguna rebaja de su altura».

Cóntao Osorio nas súas memorias. Fraga ía en serio.