Eloxio do mestre

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixo a casualidade (el diría que Deus), que a miña vida privada confluíse coa de Xosé Luís Barreiro. Cousas do destino. Pero se sinto como propios os seus recoñecementos non é por esa proximidade, senón porque os éxitos dun mestre sempre implican, dalgunha maneira, a constatación de que unha está con quen ten que estar.

Pertenzo a unha xeración que aprendeu a ler o xornal con Barreiro. E andando o tempo, comprendemos, canda aos nosos pais, que os seus tempos na política non deberan ter pasado para daren paso a tempos peores nos que os valores que rexen a personalidade intelectual de Barreiro (a dialéctica, unha cultura vastísima, a astucia), non sei como, deixaron de ser virtudes.

E nese contexto, logrou algo dificilísimo: restituír para si unha sorte de xustiza poética (el diría divina) e demostrar non só a súa razón, senón que o valor dun intelectual supera a conxuntura da mediocridade daqueles que un día foron adversarios. Se ideoloxicamente adoito recrearme agarimosamente no desacordo con el, o certo é que hai un valor que lle envexo como escritora e que asumín como consello implícito en innúmeras conversas: o don para dicir o que os lectores non esperan.

Quizais fala por min esa deliciosa casualidade de compartir paredes e alfombras con Xosé Luís Barreiro cando digo que poucos premios Fernández Latorre hai tan merecidos coma o seu.

Pero coido que son obxectiva cando digo que con ese premio, La Voz de Galicia recoñece a unha desas sinaturas que aparecen unha vez por século en cada xornal, adiantándose ás crónicas que, no futuro, explicarán que os galegos somos como somos porque houbo quen levantou acta de nós e soubo ensinarnos a ser.