Unha boa metáfora do país

OPINIÓN

10 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Acerta un amigo meu para quen o caso do pequeno Nicolás é unha boa metáfora deste país. Un país onde un mozo tan inexperto como fachendoso nos demostra que pode superar aos seus mestres en atrevemento, en frivolidade e en inmoralidade, é un país entangarañado. Polo menos un país que dá que pensar.

Unha singularidade como a do pequeno Nicolás permítenos ter unha idea sintética deste país: os nosos empresarios, que se renderon aos seus engados, demostran moi escaso nivel. Demostración que folga porque xa sabemos que clase de empresarios son os que afundiron o grupo Marsans, os que arruinaron caixas e bancos, os que pagaban en negro aos seus empregados, os que acabaron con Cantoblanco...

E o mesmo ocorre cos políticos que deberon de ver no pequeno Nicolás un acaído sucesor: o seu atrevemento, a súa fachenda, a súa incerta moralidade -as súas aparencias, que é o que importa-, deberon de ser un bo engado para que consentisen telo o máis preto posible das cociñas políticas e fose visto como algo familiar.

¿Pero só os políticos e os empresarios deste país viven de alucinacións? ¿Que me di da intelectualidade, real ou suposta, que, á sombra dun ultraliberal peruano, esixe ao Goberno que se negue a falar coa Generalitat e dá leccións de democracia aos cataláns, e se di democráta, liberal e non sei que máis? ¿Volvemos aos tempos dos «abaixo asinantes» do tardo franquismo, ou quizais aos máis recuados da sibila de Cumas?

A pretenciosidade mátanos a uns e a outros, non só ao pequeno Nicolás que se iniciou onde os demais culminan. Ela está levándonos a vivir nun mundo irreal de facilidades imaxinarias, de atallos mentireiros e, ao cabo, de inmoralidade. O pequeno Nicolás é unha certeira metáfora. E Podemos segue podendo, máis cada día.