O Congreso da UGT

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

O 15 de abril de 1976 a Unión General de Trabajadores celebrou no hotel Biarritz de Madrid, o XXX Congreso, que supuxo a saída da clandestinidade do sindicato, pero non a legalización.

Sería lóxico pensar que o congreso se organizou sen maiores problemas para que o Goberno presidido por Arias Navarro puidese demostrar a súa vontade reformista, mais non foi así. Ministros como Areilza estaban claramente pola autorización; outros, e o propio Arias, en contra. A UGT enmascarouno, presentándoo como unhas «Jornadas Sindicales», pero, aínda así, a véspera, ás dez da noite, Nicolás Redondo e Pablo Castellano foron chamados á Dirección Xeneral de Seguridade, onde un funcionario, nun despacho enorme, lles dixo que o congreso non podía celebrarse. O Goberno cedeu cando chegaron a Madrid personalidades como Mitterrand e Willy Brandt, aos que os dirixentes sindicais enganaran dicíndolles que todo estaba resolto.

O XXX Congreso celebrouse en España, e cando centos de persoas, rodeadas de policías, cantaron a Internacional co puño en alto, o sindicato vertical creado polo franquismo esfarelouse. Nicolás Redondo puido afirmar, anos despois, que no mundo sindical non houbo reforma, senón ruptura.