A violencia dos fillos

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

04 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moi preocupantes os datos que vén de facer públicos a Sociedad Española para el Estudio de la Violencia Filio Parental. As denuncias aumentaron nos últimos anos un 400 %, afectando xa este tipo de violencia a un 10 % das familias, na súa maioría de clase media ou media alta. Máis grave é que isto sexa só a punta do iceberg, pois moitos casos non se denuncian por temor á vergonza ou a consecuencias penais. De feito, as dilixencias abertas polas fiscalías están a experimentar tamén un incremento asombroso e para o poder xudicial a violencia de fillos cara a seus pais xa se converteu nun dos problemas de ámbito penal máis preocupantes.

A maioría dos agresores son varóns e as vítimas nais ou avoas. Estou de acordo en que hai factores que predispoñen a este comportamento violento, como son ter sido testemuña de maltratos ou haber padecido acoso escolar, pero as verdadeiras raíces do problema están máis fondas. Destacan tres. En primeiro lugar, a grande carga de agresividade na que está inmersa a sociedade, avivada con gasolina polos medios de comunicación. As escenas máis violentas e dramáticas, que moitas cadeas de televisión converteron en habituais, fan moito dano en mentes infantís en fase de formación. Se a isto lle sumamos a facilidade para acceder en Internet, cada día con menor idade, a páxinas e xogos de máxima tensión e crueldade, o caldo é ideal para o cultivo de futuros adolescentes e mesmo cidadáns violentos.

A segunda é o estilo permisivo ou neglixente con que se está a educar aos fillos. Uns pais submisos, que non exercen a autoridade que lles corresponde ou abandonan a súa responsabilidade educativa noutras instancias, acaban formando fillos con problemas que dexeneran co tempo en tiranía e violencia. Primeiro son trastornos emocionais e da conduta, integrados a maior parte deles no mal coñecido déficit de atención con hiperactividade. Logo, cando xa acostuma ser demasiado tarde para atopar solucións, poden ser abandono escolar, drogadicción ou delincuencia.

Por último, hai un esaxerado enfoque materialista e hedonista da vida. Non interesan os valores sólidos, autenticamente humanos, senón o consumo exacerbado e o pracer. Tendo en conta que, como consecuencia do estilo educativo citado, os fillos non teñen tolerancia ás frustracións, non é de estrañar que se volvan violentos se non conseguen o último modelo de móbil ou os cartos necesarios para comprar o que lles pete. Os nenos teñen un contacto moi prematuro co diñeiro, que logo alimenta a publicidade coa manipulación e o engano.

Que as Administracións públicas potencien a atención ás vítimas desta violencia é imprescindible, pero teñen que ir moito máis aló na busca de solucións: esixir ás cadeas de televisión o absoluto respecto aos acordos de protección de menores e incentivar a formación de pais, verdadeira materia pendente neste país.