Qué lle pasa a Galicia?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

03 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode estrañar esta pregunta en tempos en que as identidades substitúen ás nacións. Só ten sentido en caso de acreditar na existencia de un suxeito político colectivo chamado Galicia. A pregunta humaniza unha idea, pero iso é o que facemos coas ideas ou cos animais, igual que lle falamos ás vacas ou nos preguntamos que lle pasa ao Deportivo. Ben a conto porque a Galicia non lle está pasando nada e en Galicia non está pasando ren.

Non nace xente e a que nace vaise e canto mellor formada máis lonxe larga. Volve a emigración pero sen a expectativa de retorno e a inmigración nin a cheiramos. A proposta de este Presidente da Xunta de termos máis fillos que era crible en Fraga deixa de selo nel. A autonomía singular lograda como nacionalidade histórica na Transición mingua na práctica.

A administración autonómica desfaise de competencias e capacidade de xestión: non executa nin os reducidos orzamentos que aproba. Redúcense as súas políticas favorecendo a recentralización co conto da austeridade. O idioma, histórico referente cultural colectivo, desaparece inexorablemente do uso social e un multilingüísmo pailán sustitúe o galego polo inglés nas escolas sen reacción cumprida. Os sociolingüistas de autobús poden facer hoxe o seu informe dramático na saída de calquera escola vilega. O combate estético do feísmo ocupa aos nosos gobernantes cando a chuvia os deixa sen lumes que combater.

De economía ou benestar xa nin falamos. No medio deste panorama, a nova cultura e a identidade colectiva «como galegos...», mantense e refórzase contra todo pronóstico a través da comida, a bebida, a paisaxe, o fútbol ou algunhas empresas. As nosas fortalezas como eurorexión co norte de Portugal seguen sendo ben aproveitadas por universidades, empresas e parte do mundo da cultura. A sociedade está viva nun contexto institucional e político cada vez máis ermo. É normal que moitas persoas estean empezando a preguntarse polo papel de Galicia na restructuración do modelo territorial español que vai ter que producise nos próximos tempos. José Luís Meilán foi un dos primeiros nestas páxinas.

Outros interróganse polo papel de Galicia na reformulación europea, entre un maior federalismo interno, dos estados cara abaixo (Escocia, Cataluña) e interestatal, dos estados cara arriba, ou un freo do proxecto europeo dirixido por neo-nacionalismos expansivos como o alemán ou resistentes como o húngaro ou o grego.

O II Faladoiro da Cátedra Juana de Vega sobre o malestar da democracia ocupouse por extenso da cuestión. Nestes tempos de cambio, xunto coa anomía institucional, están en franco retroceso os partidos e organizacións que teñen en Galicia o seu primeiro referente. A autorganización de matriz galeguista decae en continuo despiste ou, o que é peor, nun debilitamento programado, mentres a xente está encantada de viviren como galegos. Non extrana que as voces de preocupación se convirtan en berros. O último. o de Anxo Quintana. Desculpen a autocita pero cando a súa dimisión en marzo de 2009 comparei nun artigo a súa marcha coa de MacArthur: volveremos, dixo o norteamericano cando abandonou Filipinas en mans xaponesas.