Cando a política é non facela

OPINIÓN

03 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Non facer política, dende non falar ou non dar a cara ás rixideces de avogados das silveiras —confiar aos tribunais o traballo que non se sabe facer—, é moi mala cousa para un político.

Será un xestor, pero moi mal xestor... político. Porque se a política é non facela, de certo que estaremos dentro do máis desavido que se pode imaxinar. Penso que o fenómeno Podemos é unha das varias consecuencias, pode que a máis positiva, con orixe na torpe política de non facer política. A sociedade procura canles de expresión e de manifestación, xusto porque é unha sociedade viva e xusto porque non atopa os camiños naturais, ou esperados, para expresarse politicamente. Non facer política será cómodo, pero tamén pode levarnos ao abismo, ao populismo ou ao desbordamento da sociedade mesma. Algo semellante ocorre co independentismo catalán, clara creación da tradicional torpeza política española, hoxe exacerbada pola miopía do Goberno, pola súa teima en pechar portas e pola súa frivolidade para encarar un problema complexo e reducilo á simpleza de esquemas legais.

E sen comprender que é por riba de todo un problema político. Á xente négaselle unha idea aproximada, non triunfalista, dos nosos gravísimos problemas económicos. Lonxe de expoñelos, de falalos dende as distintas posibilidade de facelo, de saber on de estamos e a onde podemos chegar, dísenos que somos o exemplo do mundo mentres vemos que chegar a fin de mes custa máis cada día. Estas tres cuestións, entre outras moitas, esixen debate, participación das distintas forzas sociais (partidos, sindicatos, académicas...,), única maneira de implicar á sociedade nun proxecto común e de futuro. Pero proceder ao revés, como se está facendo, só crea desespero, futuro incerto, desilusión.