Non me gusta Halloween. O de menos é que sexa un folclore importado -todo se importa nalgún momento. O que non me gusta é que consiste nunha celebración do medo. Ao final é niso no que acabou a nosa relación cos defuntos: nunha confrontación. Milenios de rituais pagáns, doutrinas relixiosas e reflexións de filósofos laicos non lograron que fixésemos as paces co outro mundo. Rematamos onde empezaramos: no exorcismo, a aparición, o temor supersticioso. O costume de ir visitar cemiterios no día de Todos os Santos, quizais un dos hábitos máis civilizados que se inventaron, vai cedendo paso outra vez ao seu contrario: non somos nós quen visitamos aos mortos no seu terreo para intercambiar flores e lembranzas, senón que son os defuntos os que -polo menos en efixie e parodiados por nenos- véñennos buscar á casa para subornarnos con ameazas. Que se lle vai facer.
É unha mágoa porque hai moitos cemiterios que merecen ser visitados, mesmo cando un non coñeza ningún dos nomes nas lápidas. Eu non poderei ir hoxe ao da miña familia en Meira, xentilmente pousado nun outeiro refrescado polo famoso vento da serra, desde o que se contempla todo o val. Pero reservarei igual un anaco do día, quizais da noite, para pasear coa imaxinación por el e por algúns dos cemiterios que coñecín. Penso no de Punta Arenas, no extremo sur de Chile, xa na veciñanza da Antártida, cos coloridos amuletos e os mausoleos en forma de edificios neoclásicos, lembranza de cando os ricos imaxinaban o outro mundo como un barrio de París. Penso no de Prazeres en Lisboa -un nome que un só espera atopar nun cemiterio portugués- onde está o que se considera o maior sepulcro de Europa -algo que quizais tamén un espera atopar nun cemiterio portugués. É o de Pedro de Sousa Holstein, Duque de Palmela, o home que lle traduciu Os Lusiadas ao alemán a Humboldt para convencelo de que o lera. Consiste nun templo grego fundido cunha pirámide e coroado por unha figura cunha cruz. Penso no Cemiterio Alegre de Sapanta, en Romanía, onde as tumbas están pintadas de azul e as lápidas contan a vida dos defuntos en verso. Penso no cemiterio de Greyfriars de Edimburgo, no que vin un cego lendo os nomes coa punta dos dedos. Tamén nos cemiterios da Primeira Guerra Mundial nas chairas do norte de Francia, nos que as filas perfectas de cruces introducen unha falsa orde no que foi unha morte desconcertada -as verdadeiras cruces son as papoulas que florecen nos campos abonados de cadáveres. Desde logo, acordareime do cemiterio coruñés de San Amaro, para min un dos máis fermosos do mundo, que ten o mar como adorno. O país dos mortos é vasto. Dos cen mil millóns de persoas que teñen existido no mundo, noventa e tres mil millóns forman parte del.
Sobre todo, pensando nos consulados do outro mundo neste, acordareime de al-Qarafa do Cairo, coñecido como a Cidade dos Mortos porque, entre as impresionantes tumbas dos fatimís e os otománs, dormen, comen e viven quizais un millón de persoas. Hai un relato do escritor italiano Italo Calvino sobre Eusapia, unha cidade imaxinaria que constrúe un cemiterio tan parecido a ela mesma que ao final os habitantes xa non saben distinguir a cidade dos vivos e a cidade dos defuntos. Así é al-Qarafa: unha imaxe especular, unha convivencia estreita entre este mundo e o outro, unha aceptación do feito de que, independentemente de en que crea un, a vida é unha experiencia que non ten sentido sen a morte, e que todo aquel que viviu merece un recordo, polo menos unha vez ao ano.