Cadea de responsabilidades

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

27 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Entramos nun capítulo novo do ébola: o das denuncias contra os responsables do sucedido, que posiblemente inclúan indemnizacións. O marido de Teresa Romero anunciou que denunciaría os responsables do sacrificio do seu can. Agora fíxoo a Asociación contra o Maltrato Animal. Teresa, xa libre do virus, pero farta de reclusión e coa tristura pola morte da mascota, di sentirse «atropelada» e que pedirá xustiza. Ninguén sabía como illar un can, nin os perigos que entrañaría para as persoas que o intentaran. Sacrificalo foi, en opinión de moitos, unha medida preventiva de males maiores. Pero agora entran en xogo os avogados, como nas películas americanas, e xa veremos que pasa. ¿A onde levará ese camiño? As perruqueiras que temeron estar contaxiadas por Teresa, a limpadora, os médicos que a atenderon sen saber que ela estivera en contacto co ébola; os transportados na ambulancia que antes utilizara ela, xa moi enferma. Todos deben de sentirse tamén atropelados e poderán denunciar. ¿A quen? ¿A Teresa, polos seus posibles erros e omisións? ¿Ao que lle deu vacacións sen corentena previa, poñendo así en risco un fato de persoas? Remontándonos na cadea xerárquica chegamos aos cargos políticos, á ministra, dende logo, pero tamén ao presidente que, como xa se dixo, puxo no cargo unha persoa incompetente. ¿Será Rajoy o último da cadea de responsabilidades ou chegaremos á Organización Mundial da Saúde?