A Biblia en galego


Cúmprense 25 anos, un cuarto de século, da primeira edición da Biblia en galego, un dos acontecementos máis sobranceiros das nosas letras, Premio Nacional de Tradución no seu día, mais que, na miña opinión, non ten ficado abondo salientado na crónica da nosa realidade contemporánea, enguedellados que andamos ás veces noutras vaidades. A tradución do Antigo e do Novo Testamento ao galego, os grandes textos da cultura xudeo cristiana, resultado de case outros vintecinco anos de traballo, constitúe un dos esforzos máis valiosos, esixentes e xenerosos da nosa crónica cultural, cun equipo de especialistas que afrontaron o desafío partindo das linguas orixinais: hebreo, arameo e grego, sen intermediacións, cun aparato de notas e información complementaria de enorme utilidade, que o lector disfruta e agradece de xeito especial, alén da súa condición de crente.

Dez tradutores para o Antigo Testamento; outros tantos para os Evanxeos, Os Feitos dos Apóstolos, as Cartas de San Paulo, o Apocalipse.., ademais da revisión lingüística, a coordinación da edición e un movemento solidario de base que, coas súas xestións e mesmo coas súas achegas económicas, fixeron posible semellante tarefa. En 1966 creárase a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos S.A. (Sept), da man de Xaime Isla Couto, Alfonso Zulueta de Haz, Xosé Luís Fontenla, Agustín Sixto Seco, Xosé Francisco Domínguez, Eugenio Fadrique, os irmáns Meijide (por citar só uns poucos), «coa finalidade de incorporar ás actividades editoriais o espírito renovador da Igrexa», animados polas posibilidades que amosaba o Concilio Vaticano II. Era o vello ideal de galeguizar, integrar no seu espazo humano e cultural, o discurso da Igrexa Católica, na liña do que encetara o grupo Logos nos anos 30 do pasado século. A publicación dos textos do Novo Testamento en 1980 e do Antigo Testamento en 1989 viña poñer o ramo dunha angueira da que nunca se abaixaron, malia as dificultades, e que instalaba a cultura e a lingua galega nos ámbitos da madureza e, ¿por que non dicilo tamén?, da modernidade.

Alén das crenzas relixiosas de cada quen, na Biblia, nos mitos artúricos fundacionais (O Santo Graal, os cabaleiros da Táboa Redonda), no relato de Homero e os grandes textos grecolatinos están os alicerces da nosa cultura occidental. Todos os discursos, todas as grandezas, todas as traxedias, todos os símbolos e loucuras, todos os soños e as ansias do ser humano, tamén as súas loucuras e frustracións aliméntanse destes tres universos que, como caudalosos ríos, embocan no grande océano común. Shakespeare, Milton, Dante, Camoens, James Joyce, Cunqueiro beben das fontes primeiras, que afortunadamente temos tamén en galego. As últimas catro décadas, mesmo coas súas limitacións, marcan un punto de inflexión para a nosa lingua, dotada de recursos que antes non tiña. A publicación da Biblia reafirmaba hai vintecinco anos a madureza do idioma e, por extensión, a plenitude dunha cultura de Occidente, con máis de mil anos de historia, á que non queremos renunciar.

Votación
21 votos

A Biblia en galego