Vinte e cinco anos de música

OPINIÓN

20 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Para ilustrar a evolución de Galicia en termos culturais, quizais a revolución máis silenciosa sexa a acontecida na música. Todas as cidades e vilas avanzaron notablemente, pero de maneira especial Santiago e A Coruña, debido á creación de dúas orquestras de gran calidade sobre as que pivota boa parte da actividade musical. Dun país onde a aprendizaxe da música e a organización de actividades eran minoritarias, pasouse a unha implicación da cidadanía sen precedentes.

O Auditorio de Galicia naceu do empeño das institucións. O emprazamento no antigo Burgo das Nacións do Campus norte e mais do Auditorio, xunto coas políticas de equipamento e mellora do contorno de Vite, conlevou a transformación dun barrio con problemas de exclusión nun dos de mellor calidade ambiental de Compostela. Tal é a importancia das decisións urbanísticas. A transferencia da parcela ao Concello e á Universidade abriu unha liña de colaboración que logo se estendeu a outras operacións, nas que ambas institucións compartiron as políticas urbanas.

O significativo edificio de Julio Cano combina dúas linguaxes: unha racionalista e outra rexionalista, ten unha acústica admirable e está rodeado polo parque de Música en Compostela, en conmemoración dos históricos cursos, que forma parte do singularísimo anel verde de protección recollido no plan especial da cidade histórica.

A construción do edificio acolleuse ao plan de auditorios do Ministerio de Cultura, co soporte da consellería que dirixía Alfredo Conde. A política de colaboración foi posible grazas ao apoio, desde o contorno da toma de decisións, de dúas mulleres, tristemente desaparecidas: Pilar Navarro, vinculada á Presidencia do Goberno, e Juby Bustamante, ao Ministerio de Cultura.

Conscientes de que un auditorio sen orquestra podía derivar nunha edificación illada, un grupo de concelleiros e persoas da cultura, coa implicación de José Luís González Sobral desde a Presidencia da Xunta, promoveron a creación da Real Filharmonía de Galicia.

O proxecto orquestral vinculouse á Escola de Altos Estudos Musicais. Andando o tempo foi producíndose un novo interese pola música coa aparición de agrupacións de todo tipo, academias, conservatorios, formacións clásicas e contemporáneas.

Vinte e cinco anos de música que se manifestan en infinidade de eventos nos que os cidadáns pasaron de ser espectadores a protagonistas activos. Aquel público inicial do Auditorio, máis social e entusiasta, deixou paso a unha audiencia máis transversal e diversa, máis nova e preparada.

Unha efeméride non ten por que ser nostalxia, nin a celebración equivale a autosatisfacción. Aínda que, ao meu ver, hai algúns aspectos e pautas que convén rectificar, o certo é que os nosos músicos empezan a retornar logo de completaren a súa formación, os compositores estrean habitualmente e as dúas orquestras están presentes en toda Galicia. E o máis estimulante é que a música se incorporou de cheo no horizonte educativo da nosa xuventude.

De todo isto pódese sacar unha conclusión: as iniciativas exitosas son aquelas que parten do diálogo e do consenso.

Xerardo Estevez é exalcalde de Santiago e arquitecto