Eloxio da moderación

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Moderación é sentarse a falar, escoitar o que ten que dicir o outro, intentar comprender as razóns do outro, que nunca son as nosas, pero que forman parte da realidade (ás veces do conflito), igual cás nosas. Moderación é entender que esa realidade é complexa, non única, o que en termos sociais quere dicir que é algo que se constrúe arreo dende a diversidade e, por tanto, nin é inmutable nin eterna, nin pertence tampouco a ninguén, senón aos que participan nesa construción compartida. Moderación significa comprensión, talante aberto, capacidade de diálogo, saber que nunca se deben dinamitar as pontes, o que non é incompatible nin coa firmeza dos principios nin coa vontade de exercelos (non impoñelos).

Sempre mellor un acordo ca un pleito, advirten os vellos. E aínda din máis: mellor un mal acordo ca un bo pleito, por moita razón que as partes pensen que teñen. A idea do «mal acordo» desaparece axiña cando o acordo se produce, se de verdade é un acordo, non claudicación, e o suposto «bo pleito», se non é máis ca iso: a vitoria dunha parte contra a outra, deixa sempre feridas que non son dadas de curar e que o tempo, ás máis das veces, non fai máis ca agrandar, ou esaxerar.

En política (e estamos a falar de política, como ben entende o lector) o acordo, chamémoslle pacto, encontro de intereses, non me gusta neste caso a palabra negociación, é o principio básico da convivencia. Sobre o encontro de intereses construímos a realidade, nunca sobre o choque de trens. No caso catalán, que é ao que nos referimos nesta marea, igual que na semana pasada nos referiamos ao caso escocés, mesmo semella que estamos asistindo á película aquela de James Dean na que dous mozos arrichados, machos marcando territorio, se lanzan a toda velocidade cara ao precipicio, ao volante dos seus respectivos automóbiles, a ver que frea antes de chegar á beira da barranca.

Non son razóns económicas as que estamos a discutir (aínda que haxa tamén razóns económicas, repito), senón razóns emocionais, mesmo simbólicas, moito máis difíciles de manexar. Por iso a moderación e o talante son tan necesarios. A xente que sae á rúa e reivindica unha consulta popular, que é un principio democrático nas sociedades desenvolvidas, o 70 % da poboación catalana que reclama ese principio, non se move por razóns económicas. Cando lle preguntaron ao profesor Josep Fontana, unha das personalidades de referencia na historiografía española contemporánea, como é posible que chegásemos a esta situación, o profesor respondeu: «necesitaríamos un libro para explicalo». Porque non é algo que sucedese agora, senón que vén de atrás, e todos teñen (temos) responsabilidades. Nunca a política foi tan necesaria. ¿Tan difícil é plantear unha autocrítica e unha reflexión entre as partes? Hai 35 anos, en circunstancias non menos difíciles, foi posible. A retórica grandilocuente que alimentan as partes encirra as bancadas do estadio, pero é unha estratexia suicida, da que nos arrepentiremos seguramente cando sexa demasiado tarde.