Que hemisferio prefire?

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Se vostede é dos que ve con tristura a fin do verán e a chegada do outono e inverno, pense que no hemisferio norte o outono dura tres días menos que o do hemisferio sur e o inverno dura cinco días menos.

Nestes días a parte sur do planeta empeza a achegarse ao sol,  por iso alí acaban de comezar a primavera, xa que o sol empezará a petarlles máis vertical.

Cando os do sur se achegan, os do norte alonxámonos e viceversa, nun ciclo que está case igual repartido para os dous lados.

Ese «case» do que falo é unha pequena diferenza na duración das estacións, que se debe a que o planeta non circula sempre á mesma velocidade ao redor do sol: cando o hemisferio norte escapa do sol, o planeta vai máis rápido, co cal pasamos o trago outono-inverno en menos días que en Arxentina ou Chile, por exemplo.

Iso si, se miran a bóla do mundo, verán que no hemisferio sur o oitenta por cento da superficie é mar e... a auga ten a virtude de termar da calor mellor que a terra.

Isto implica que, cando no hemisferio sur están no inverno, o océano recolle a calor do sol durante do día e vaina soltando dun xeito gradual pola noite, moderándolles as diferenzas de temperatura (no verán o mar tamén lles modera as flutuacións térmicas), cousa que no norte non ocorre tanto.