Falar ben

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Falar ben é facelo con corrección. Pero sobre todo, dende o corazón, e con moita humildade. (Non é o caso do Parlamento, está claro). É imposible que falando deste xeito, alguén poida pensar que non se fai ben, por moitas incorreccións gramaticais cometidas. Por iso nunca entendín a risa que lles causa a algúns o acento das persoas. Moito menos a burla do mesmo.

Máis dunha vez me teñen dito que non se me notaba o acento de galega. E para min, iso distaba moito de ser un piropo. ¡Todo o contrario! ¿Onde estaba o meu acento, ese que me distinguía e facía ser quen son?

Tamén me ten pasado o de recibir a interpelación «galleguiiiiiña», coma unha brincadeira, intensificando o acento do idioma de noso. De responder «a moita honra», pasei a sorrir, simplemente. Hai palabras que sobran.

Sorprendíame a chanza que causabamos os galegos, en contraposición a outras rexións, coma era a andaluza. Por iso mesmo me sorprendeu moito máis que nun programa de televisión lle preguntasen a unha cantante como é que falaba tan ben, sendo de Dos Hermanas.

¡Alucinante!

Falar ben non ten nada que ver co acento. Pero si moito co respecto, cousa que os presentadores non amosaron nese momento. Un erro pode cometelo calquera, por suposto. Pero... a situación dá moito que pensar, máis ca nada, do concepto que ten a sociedade sobre a riqueza cultural e a diversidade da mesma.

Preocúpame non darlle o valor que merece, e ten, e que incultura e cultura poidan chegar a confundirse. Ollo, que é perigoso.