Orgullo galego?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

H ai escasos días, falando do orgullo que sentía polos éxitos de Javi Gómez Noya, un amigo apuntábame que o único que lle daba mágoa era que na camiseta do atleta, en lugar de aparecer Galicia, portaba o emblema da Comunidad de Murcia.

Doeume nas entrañas. Como non hai ningunha mente lúcida entre os nosos representantes que aproveite, xa falando en termos exclusivos de lucro, semellante fazaña para promocionar a nosa terra? Inexplicable. Pero o certo é que xa non me sorprende, aínda que me parta a alma dubidar se realmente nos sentimos orgullosos do noso.

Lembro cando a Volta Ciclista pasou pola miña vila e os seus arredores. Emocioneime! Pero co anuncio da chegada deste ano dos deportistas á Coruña, o que pasou foi que me decepcionei. A Deputación da Coruña anunciaba, de xeito oficial, o percorrido, e entre os lugares de paso das bicicletas aparecían «Puentedeume» e «Puente de las Pías».

Pero como pode ser? Que o organismo oficial que nos representa e, teoricamente, nos defende, cometa tal atentado coa nosa toponimia, é cando menos un delito. Grave, diría. E unha falta de respecto imperdoable.

Non tolero que os meus impostos, eses que me arrincan sen contemplación por moito que non teña ingresos, estean dedicados a autolesionarnos. Se nós mesmos non somos quen de poñer en valor a riqueza cultural que temos, credes que alguén o vai facer por nós?

Cantas comunidades non darían un mundo por ter cultura propia, que confira identidade e diferenza? E nós, dilapidándoa.

Esperpéntico!