Crises sísmicas

Fermín Paz Lamigueiro AL DÍA

OPINIÓN

Cando na cortiza terrestre prodúcese un acontecemento desta natureza, teño mirado que poucas datas despois hai outro afastado do primeiro, noutra rexión do globo terráqueo. Pensei, quizais poida ser unha necesidade físico-mecánica de reequilibrio na propia cortiza que, aínda que fracturada, é unha e está asentada sobre un mesmo colchón ou núcleo. Sobre esta base, estou a fundamentar unha análise da crise actual que golpea especialmente aos territorios do sur de Europa.

O sistema capitalista tiña moitas fallas, necesitaba liberar as tensións que tiña nos adentros. Tras décadas de hexemonía neoliberal, a crise quizais puidese explicarse en analoxía cun terremoto, díxenme. A diferenza agora é que non foi un movemento natural, senón artificial, artellado polo mesmo sistema. Era un movemento de reaxuste no seu interior que tiña certo asento na globalización. Do mesmo xeito que na natureza os movementos sísmicos, as crises son parte do sistema capitalista, son terremotos artificiais xerados polo propio sistema.

Outra cuestión é a latitude, con que magnitude e as consecuencias en cada quen. Coma nos terremotos, teremos réplicas que seguirán causando destrozos e despois nas áreas afectadas volveremos a unha certa «normalidade anormal». Teremos que seguir vivindo, pero peor. A seguinte etapa non será tan agresiva, as réplicas sempre son de menor intensidade que o movemento principal, o dano está feito e os obxectivos do sistema cumpridos. Agora o que fan cos seus anuncios é tratar de crear unha ficción de nova situación coa que temos que afacernos. Agora toca liberar algunhas das tensións creadas que xa están ao límite do soportable en capas moi grandes da poboación.

E o sistema dominante seguirá necesitando deste procedemento e haberá novos sismos porque, de non facelo, correríase o perigo dunha autodestrucción sistémica. Prefiren os desastres para a maioría da poboación, antes que poñer en perigo a supervivencia sistémica. Sobre esta base, en analoxía coas miñas observacións sísmicas, desprazarán ditas crises, en datas próximas, lentamente pero sen pausa, a outra parte do mundo, concretamente, ás Américas do Centro e Sur, por necesidades propias da depredación conxénita do sistema capitalista, unha acción de reequilibrio para poder seguir esquilmado a riqueza dos países e as súas xentes.

O que vai suceder nesta parte do mundo (desde México á Arxentina), terá relación con este movemento. E é aí onde os acontecementos económicos, políticos e sociais que están por suceder, merecerían a atención da maioría de analistas. En nome da liberdade, xustificarán as crises como os seus desastres, engaiolando á xente nun imaxinario colectivo de país ceibe. Se aceptamos que a crise é unha realidade obxectiva coa que temos que convivir, desde a certeza empírica que no sistema hexemónico do capitalismo, crise e conflito conforman a espiral dialéctica dos acontecementos. O capitalismo que vén é máis reaccionario e autoritario. Non é posible a volta a políticas neokeynesianas para que o Estado terme do social, este modelo finou. O meu chamamento final: ¡A quen poida interesarlle! ¡Aos que imos pagar a conta das crises!, construamos a nosa protección civil, fagamos a nosa prevención, non sigamos confiando en quen causan, consenten ou xustifican estes desastres.