Recortando a vida

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto O MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

15 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os recortes reducen orzamento e déficit (non débeda), tamén educación, protección social e saúde á maioría da sociedade. Os Gobernos da dereita no sur de Europa metéronnos nunha fase de devaluación do nivel de vida e privatizacións que mingua a igualdade entre as persoas e por suposto a liberdade, unida sempre á capacidade de acceso efectivo aos recursos básicos. Que liberdade ten unha enxeñeira química de traballar se ten que coidar dos seus pais. Que liberdade de elección política ten esa mesma muller se o seu traballo depende de quen controla política ou economicamente os recursos básicos. E un asunto vello, pero cómpre descubrirlle agora os debates do liberalismo e a democracia do século XIX a moitos destes austericidas que se din liberais.

Non menos antiga é a distinción entre esmola, axuda e dereito. Tardamos en converter en dereito público universal o acceso á educación, á sanidade. O franquismo, falanxista ou católico, desenvolveu aos poucos estes dereitos como instrumento de lexitimación social, mentres as socialdemocracias da posguerra europea decretábanos de vez. Antes foran instituídos polos fascismos e pola URSS en réximes antidemocráticos. Cando os nosos emigrantes inzaron Galicia de Escolas hai cen anos, o estado tiña subrogado o privilexio da educación, que non dereito, á Igrexa. Fundacións, mutuas, igualas constituíronse cando ir ao médico era unha sangría para as familias. O Instituto Nacional de Previsión español xa cumpriu cen anos pero o acceso universal á sanidade pública avanzou lentamente nese século. A atención á terceira idade e aos discapacitados é aínda máis recente. Tardouse moito en pasar do asilo, o cotolengo, o hospicio (para pobres) aos sistemas de atención e servizos sociais que estableceu, sen ir máis lonxe, o Goberno do bipartito na Xunta.

Dende o 2009 os recortes orzamentarios tal como se aplican recortan tamén as vidas, primeiro dos máis necesitados e progresivamente da maioría. Por afortunadas razóns vitais estou máis pendente dos recortes en educación e que afectan aos fillos que dos que afectan aos avós. As últimas medidas sobre a dependencia e as declaracións da conselleira Mato sobre as «paguitas» resultan tan insultantes que fan virar a cabeza. Por riba, atopei nun centro comercial cun voluntario da Cruz Vermella á procura de socios para á organización. O rapaz, listo e atento, despregou un feixe de esmagadores argumentos sobre a urxencia das necesidades sociais e a inmediatez coa que podían ser atendidas por eles. Asombrado eu porque o que propuña era substituír pola vía da solidariedade privada o que os recortes estaban destruíndo, aducía el con tino que a muller no paro e con dous fillos á que atenderan o día anterior requiría dunha solución inmediata. Inapelable. Insistíalle aínda, con pouca convicción, que prefería colaborar con Acnur na axuda onde máis se necesita e non ao noso carón, onde podemos logralo pola vía de gobernar doutro xeito o orzamento da nosa riqueza colectiva. Lembrei axiña que hai un par de anos recuperei o vello hábito de botar a man ao peto para axudar a algunhas persoas que andan a carón de min pola zona vella de Santiago. Desapareceran hai dez ou quince anos. Agora volveron, máis vellos e deteriorados. Inaceptable.