Serpes de verán

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

11 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O servizo de mapas de Apple captou unhas imaxes do lago Ness nas que parece verse o fabuloso animal que durante décadas encheu nos xornais o baleiro de noticias provocado polas vacacións. En España a súa aparición quedou eclipsada pola saída á superficie doutro monstro, do que se sospeitaba a existencia, e que por fin mostrou a súa verdadeira e pouco honorable cara, encubrida ata o momento pola bandeira nacionalista catalá.

Outra noticia que competiu coa do lago Ness foi a do tráfico de cocaína realizado a través do barco escola Juan Sebastián Elcano. Neste bergantín-goleta, ademais de aprender a levar luvas ata para durmir, fórmanse para ser honra e prez da Armada española os futuros oficiais, e estaba considerado como un «embaixador flotante», un elemento de apoio á política exterior de España polas funcións de representación que desempeñaba.

Por desgracia, ambas as dúas noticias non son «serpes de verán» senón feitos probados que demostran o estado de corrupción xeralizado en que vivimos. Outra noticia preocupante é a avalancha de turistas (medio millón ao ano) que ameaza a conservación da praia das Catedrais, sen dúbida unha das marabillas de Galicia, pero a cuxo lado se encontran outras: Ás illas, Os Castros, Esteiro, Balea, Lóngara...que non lle van á zaga e que só visitan os de sempre. As noticias sobre o inofensivo monstro Nessie eran mellores.