Tres cartas

OPINIÓN

09 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Rodolfo Prada entregoume, días antes de saír de Buenos Aires, o 1 de xuño de 1969, tres cartas. A primeira, para Francisco Fernández del Riego, entregueilla, nada máis chegar a Vigo, na vella Penzol, Policarpo Sanz 24, 1º. Leuna e, pousando o xaruto no cinseiro, fíxome unhas cantas preguntas. Despediume axiña porque tiña moita présa, convidándome a voltar por alí cando quixese.

O segundo sobre só puña: Xosé F. Filgueira Valverde. Museo. Pontevedra. Fun en tren desde Vigo. A impresión, no medio e medio da praza da Ferrería, foi de abraio. Antes de dar co sitio debín de preguntar catro ou cinco veces, acometeume a sensación de estar perdido nun labirinto de ruelas estreitas, irregulares, inesperadas... D. Xosé recibiume no seu despacho. Mostrouse agasalleiro e cordial, coma se me estivese agardando, e ata gabou o meu galego, daquela abondo deficiente. Expliqueille que viñera para me quedar, estudar, traballar pola nosa cultura... «Pénseo ben, mozo -replicou decontado-, este é un país fermoso, a xente encantadora, pero demasiado pequeno e envelenado».

Conversamos un bo pouco sobre a colectividade galega de Buenos Aires, que el coñecía mellor ca min, chamou a alguén (Alfredo García Alén) e pediulle que me ensinase o museo. Cando saín, ilusionado e cheo de fervor galeguista, certei o camiño ao dereito, como se fose un pontevedrés máis.

A terceira carta levéillela a Rianxo ás irmás de Castelao, Tareixa e Xosefina. Convidáronnos -acompañoume un compa do Santa Irene- a merendar mentres nos amosaban, con extrema cautela, un cartel da UPG cun retrato de Daniel por Conde Corbal.

Volvendo a Filgueira, coincidimos, nos setenta, nas reunións do Padroado Rosalía Castro e, en 1984-85, axudoume nas celebracións de Losada Diéguez. Destacados lingüistas, Henrique Monteagudo e Xan Babarro, nada conservadores, colaboraron con el na consellería e, como presidente do Consello da Cultura, ninguén deu daquela queixa da súa xestión. Magnífico ano, 2015, para debullar unha obra inmensa, para analizar polo miúdo a súa complexa biografía. Non lle teñamos medo ao que xa é historia!