Contra o país suicida

OPINIÓN

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

C ando Amalfitano pendurou con pinzas no patio da súa casa o Testamento xeométrico de Rafael Dieste, inventou unha espléndida metáfora relativa a Galicia: un país con instinto suicida, como sentenciaba o polígrafo Florentino Cuevillas. Amalfitano era un dos personaxes de 2666, a novela póstuma de Roberto Bolaño. Non sabía onde comprara o libro, ou quen llo regalara, pero o certo é que consideraba aquel exemplar como «muy extraño». Galicia pendurada con pinzas. Aquí propágase un cataclismo en contra do evidente e, porén, conséntese o oprobio ou a sacralización da ordinariez. Intentarei non escribir demasiados exemplos. Abonde con citar o Día das Letras Galegas dedicado a María Mariño, poeta minúscula e intranscendente. Daquela non lembro posicionamentos, estridentes tomas de postura, vehemencias. Nin boicoteo. Punto. Continúo.

A decisión da RAG de dedicar o 2015 a Filgueira Valverde, contrariamente ao que sucedeu en ocasións máis acredoras de repudio, produciu sonoras reaccións. Non se xulgan os méritos intelectuais, e galeguistas, de Filgueira; non se critica a validez do seu argumentario encol do idioma; tampouco o compromiso coa lingua, impertérrito e ousado; moito menos a facundia do seu legado. A cuestión é política. Foi alcalde de Pontevedra durante o franquismo. E tal condición impulsou o grito pauloviano que se escoita, redundante: «¡Fascista!». É o primeiro vocábulo que acode cando se abriga a intolerancia e o sectarismo. O mesmo epíteto que lle adxudicaron na protodemocracia a Cunqueiro, Torrente Ballester, Cela ou Vicente Risco.

Ungaretti e Pirandello eran fascistas. E Neruda ou Sartre, estalinistas. O valor da súa obra é indiscutible. Pero aquí non se debate dende a razón ou o xuízo, senón dende a doutrina. O dogma impón que o intelectual galego debe ser nacionalista e de esquerdas, ou similar. De non ser así, todo o seu labor literario, cultural ou artístico, deixará de ter valor sincrónico para os que impuxeron a tiranía do politicamente correcto en Galicia (contando, debo dicilo, coa indolencia dos políticos conservadores e a súa desgana fronte ao feito cultural). É o país que se detesta a si mesmo. O mesmo que outorga maior realce á suma que á resta. O que sinala, estigmatiza, vulnera, marxinaliza todo o que non pertence ao credo doutrinario. Mágoa. A obra inmensa de Filgueira, que algúns educados en castelán lemos para fortalecer a nosa conversión ao galego, resulta incuestionable empiricamente. A figura de Filgueira merece esta homenaxe. A decisión da RAG é encomiable. Non recoñecela paréceme un síntoma máis da peor das nosas perturbacións: o instinto suicida. Somos un país «muy extraño», como aquel libro de Dieste: pendurado con pinzas para non desaparecer. Esa metáfora de Galicia.

Xosé Carlos Caneiro é escritor.