Agradecidos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Pola luz do día, polo día que abre sol e nube, polas nubes e soles do día. Polas cancións cantadas e as que queden por cantar. Polos que bailan, alegres e inocentes (pese a todo). Por cada «ámote» escoitado pronunciado diferido. Polas margaridas que sempre dicían non, si, si. Polas leccións aprendidas. Polo funambulismo que nos permite camiñar cordas, frouxísimas, sen mirar abaixo. Polos que puideron escribir os versos máis tristes aquela noite. Por uns ollos que apertan o que perdura de ti, os restos. Por ela/el a quen confesas «sen ti non son nada». Polos que gozan os instantes minutos segundos horas e demostran, aos homes e mulleres ocupados noutros labores, que a vida son dous días. Polas despedidas que non foron ou foron, polos regresos. Polos libros, algúns libros, indispensables libros (han de sobrevivir todas as mortes). Polas risas compartidas: esas que non parten ao territorio do olvido. Polos seres que nunca olvidarás: imprescindibles. Polos olvidos que te sorprenden algunha vez para pintar uns labios, suaves, nos teus: mordéndote, doces. Pola felicidade, a de antes, que move plumas para acariñar o teu ventre. Pola felicidade, a de agora, que belisca a túa pel para despertarte. Por Mozart, trasno. Polos soños repetidos, os inventados, cumpridos e tantos que quedan por cumprir. Pola esperanza: invencible. Pola diminuta sombra da lúa que estira, melancólica, o seu perfil de fouce agardando, agardando, agardando. Polos recordos. Polas palabras, que serven para dicir e acariñar e sosegar e permitir. Por todas as veces que pensaches: esta vez, si. Pola boa xente, entregada, que pinta cor clara as paredes de cada casa vila país. Por Nós. Por ti. Por ti. Agradecidos.