Entregas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

17 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe, como cada tórrido xullo, a Fundación Santiago Rey Fernández- Latorre invítanos á cea literaria do premio de Novela por Entregas de La Voz. Número catorce. Parece que foi onte. Pasaron os anos e o prestixio do premio crece, progresa, como progresa o seu lugar entre os diarios publicados en España (o cuarto periódico, só superado por unha cabeceira catalá e dúas de Madrid). A pesar dos malos tempos que vive a prensa, o xornal que vertebra Galicia eleva a súa preponderancia e significación: La Voz segue a ser a mellor imaxe de Galicia e dos galegos. Mentres algúns periódicos son instrumentos de propaganda partidista, La Voz soubo manter a súa autonomía e un único pacto: coa verdade e con Galicia. Pero hai un compromiso de La Voz que este escritor agradece fundamentalmente: mantén o seu vínculo co maior patrimonio galego. Dixen mil veces e volvo dicir: a maior riqueza de Nós (o patrimonio) repousa no mar dos soños, a arte, a creación, o talento, a cultura. Velaquí un mérito que non poucos agradecen. Cando o columnismo literario, por exemplo, degrada a súa vixencia en España, La Voz segue apostando por el. Cando as novelas por entregas desapareceron -ou os relatos que se publicaban hai vinte anos-, La Voz mantén o premio e os relatos. Mentres ninguén recorda que Dickens escribía por entregas, La Voz segue a procurar o seu Dickens particular cada estío: agosto de luz en trinta e un episodios. Tamén Flaubert publicou a súa Bovary por capítulos. Este premio, metaforizo, perfila unha Madame Bovary no periodismo contemporáneo: libre, independente, intrépido, incorrecto co politicamente correcto, profundamente sensible. En definitiva, un agradece as entregas literarias. A entrega de La Voz, digo.