Os vendedores de fume

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

12 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«O wifi é tan importante como a auga», adoitaba dicir Jenaro García, o presidente de Gowex, esa empresa estrela da tecnoloxía española en Internet que se revelou como unha fraude e caeu arrastrando a todo o mercado alternativo bolsista esta semana. «O wifi é a auga do século XXI», insistía este home nas súas presentacións, que eran como profecías bíblicas. Os seus oíntes -políticos e xornalistas- asentían gravemente, convencidos de que estaban a escoitar unha verdade moi profunda. Auga, wifi. E iso que ao lado do empresario aparecía ás veces un tipo disfrazado de súper heroe de cómic facendo poses. A Jenaro García déronlle premios, subvencións, préstamos millonarios. Pero que era o que premiaban en realidade? Era só esa metáfora da auga e o wifi. Unha idea simple, visual, fácil de lembrar e completamente absurda. O que os libros de negocios chaman unha idea gañadora.

Sempre houbo vendedores de fume, mais quizais nunca gozasen de tanta impunidade porque nunca antes a sociedade demandara tanto fume. Iso é Internet por agora: máis ben fume, e non auga, como cría Jenaro García. O wifi gratis, que é o que vendía el, non é rendible. En realidade, non é rendible case nada que teña que ver con Internet. É o gran segredo a voces do noso tempo. Pouco a pouco ímonos decatando de que o que a Rede ten de fascinante -a súa expansión exponencial, o seu carácter desregulado- é o que fai moi difícil, se non imposible, que sexa produtiva. Todo se pode conseguir gratis nalgún recanto da Rede, así que ninguén está disposto a pagar por nada. Ultimamente pensábase na publicidade como motor dos ingresos, pero ao ser Internet un soporte case infinito, as tarifas tenden inevitablemente á baixa. Mesmo se empeza a sospeitar que a publicidade nin sequera é eficaz neste medio. Por suposto que individualmente hai persoas que lle tiran proveito á Rede, igual que individualmente hai quen llo tira á lotería, pero ningunha das dúas é un modelo de negocio sostible. Digamos que Internet é un éxito de público, pero non de ventas.

En si, unha Internet non rendible non sería un problema, porque serve a moitos outros propósitos -aínda que, se consideramos o uso que lle damos realmente, o seu valor cultural e educativo sexa unha piadosa esaxeración-. O problema é que, mentres que a Rede funciona mal como negocio, as falsas expectativas que xera si perxudican, posiblemente, á economía «real». A prensa é un bo exemplo deste paradoxo: deixamos de comprar periódicos porque sabemos que os temos gratis no ordenador, pero se desaparecesen os diarios en papel, as edicións dixitais non poderían cubrir gastos. Pode que isto cambie algún día, porque o futuro é impredicible; pero xustamente porque o futuro é impredicible non sabemos se será así.

De feito, o futuro é precisamente o que mellor se vende en Internet. Velaí o que vendía, no fondo, o propio Jenaro García. Non outra cousa é saír á Bolsa, senón pedir un préstamo a moita xente a cambio dunha promesa. É o que fan os chamados «xigantes de Internet», que tampouco son rendibles, senón que prometen selo algún día. É unha burbulla que xa estoupou unha vez cando a crise das dot-com. Miramos para outro lado. Antes ou despois volverá rebentar, e as consecuencias serán seguramente moito peores. Entendo que Jenaro García cometeu delitos -presuntamente-. Pero considerando o contexto no que se movía, cústame velo como un farsante. Quizais de verdade cría que se podía obrar o milagre de converter o wifi en auga. Despois de todo, non é o que cre case todo o mundo?