Esta etapa do sistema educativo, dos seis aos doce anos de idade, coincide coa auténtica nenez e supón un período estable e de grande importancia na maduración da persoa. Nela séntanse as bases da personalidade, cun rápido progreso da socialización, da afectividade e da creatividade. É primordial, polo tanto, a formación en valores e en hábitos de estudo, esforzo ou convivencia, coa estreita colaboración entre pais e mestres.
A primaria é a etapa na que se adquiren as competencias e aprendizaxes básicas: lectura, comprensión e expresión escrita e oral, cálculo aritmético e cultura elemental. Nestes aspectos instrumentais, os programas oficiais ou currículos veñen sendo moi estables ao longo do tempo. Xa a Constitución de 1812 dicía que as escolas de primeiras letras ensinarían aos nenos a ler, escribir e contar. Sen embargo, pouco a pouco foron introducíndose no ensino primario moitas outras variables que desviaron a atención do esencial e arrastraron ao mestre, ás veces dun xeito inconsciente, a abarcar moito apertando pouco. Os alumnos xa non son capaces de entender o que len, de expresar con coherencia e corrección o que pensan ou de sintetizar e relacionar a grande cantidade de información que reciben. As deficiencias no razoamento matemático, acaban tendo tamén a súa orixe nesa incapacidade de comprensión lectora.
A Lomce tenta recuperar para a primaria eses aspectos básicos imprescindibles, mediante tres accións: reforzo das materias instrumentais, maior autonomía do centro educativo e avaliacións individualizadas do alumno. Ademais de potenciarse a comprensión e expresión, hai un aumento das horas semanais de Matemáticas, podendo o propio colexio incrementar o horario lectivo das áreas ou materias que estime oportuno. Para evitar que o alumno promova sen esa base esencial, deberán resultar positivas as dúas avaliacións individualizadas que terán lugar a final do terceiro curso ou, con carácter externo, ao rematar a etapa. Como ocorre na maior parte dos países da OCDE, estas probas terán un carácter formativo e de diagnóstico, co obxectivo de acadar unha maior calidade do sistema.
En calquera caso, a eficacia de todas estas medidas da Lomce vai depender do desenvolvemento e aplicación que se faga delas. A Xunta de Galicia está a piques de aprobar o novo currículo da educación primaria, que xa foi informado positivamente polo Consello Escolar de Galicia. Afectará, o próximo curso, aos cursos impares: 1.º, 3.º e 5.º.
Con este decreto dáse o primeiro paso na procura de mellores resultados da educación na nosa comunidade autónoma, aínda que en comprensión lectora e en ciencias atopámonos por riba da media do Estado e mesmo ben situados a nivel internacional. O citado aumento do horario de Matemáticas viranos ben para mellorar nesta materia.