Ai Mónica, Mónica... ¡que tan desgraciadiña es! Co que traballas ti (ser presidenta do Círculo de Empresarios non é cousa doada) e tes unhas vacacións terribles. Non chas desexo, creme. Por sorte, só terás aproximadamente un mes de vacacións. Se o chegas converter nun bienio, toleabas.
Lin hai uns días as túas declaracións nas que asegurabas que os desempregados cren que cobrar o paro é coma «ter dous anos de vacacións». Por iso sentín mágoa de ti. Porque eu si levo máis de dous anos no paro, e sei perfectamente o que é pasar por iso. É erguerse cada mañá sen ver o horizonte por ningures, e cada día que pasa, faise máis difuso. O futuro, sempre é incerto. Non só pensas nos días que se van descontando deses dous anos, é que, a medida que pasan os meses, comezas a preocuparte aínda máis por todos os que quedan despois, que son peores.
Unha cuestiónase o estudo dunha carreira á que dedicou esforzo, traballo e máis. A formación con varios masters e idiomas. Para que aceptar traballos precarios no comezo, coa idea de medrar. Para que darse de alta en autónomos un mes cando sae o servido polo comido.
Cando unha é nai, ademais, non só pensa no futuro a longo prazo que lle pode ofrecer aos que veñen detrás. O peor é pensar no que dar mañá aos nosos fillos. A incerteza, os nervios, e o desánimo instáuranse dende o primeiro día no que un se vai apuntar ao servizo de emprego. E dende esa non fan máis que medrar. A frustración substitúe á autoestima. E así van pasando os dous longos anos.