Navegar con mar bravo

Justo Beramendi DE COTÍO

OPINIÓN

20 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando tiña moito tempo para o lecer a costa de todos nós, Felipe de Borbón gustaba de practicar a vela e mesmo chegou a participar nalgunha Olimpíada. Agora vai ter que botar mán de todo o que aprendera daquela e non sei se lle chegará, porque non ten comparación manobrar con amiguetes nas augas da baía de Palma que ser mascarón de proa dun gran buque avariado que intenta capear a galerna nun mar inzado de baixíos. Xa dixen hai días nestas mesmas páxinas algo obvio: el non está ao timón, polo que pouco pode facer para ben ou para mal, agás se cadra dar algún consello ao timonel e, iso si, manterse atractivo e formal para que a maioría da tripulación e dos pasaxeiros sigan convencidos de que a súa presenza é importante para que a travesía vaia ben.

Non vai ser doado. Na España turbulenta dos séculos XIX e XX a monarquía non conseguiu chegar a ser parte da paisaxe como nalgúns países europeos porque se encadrou por vontade propia nun dos dous bandos en loita. Só puido reunir un amplo consenso social ao seu favor no breve período dos anos bos de Juan Carlos e por circunstancias irrepetibles. Agora ese consenso está roto e vai ser moi difícil recompoñelo. Para facelo, o novo rei tería que desenvolver un papel de actor útil, ou que a sociedade percibise maioritariamente como útil, na resolución das graves fracturas de hoxe, empezando pola que separa cada vez máis á minoría beneficiaria do novo capitalismo da maioría de ingresos e asistencias minguantes ou case nulos, seguindo pola que enfronta a unha dereita dedicada á demolición de dereitos e prestacións públicas cun centro-esquerda que pretende conservalos ou restauralos, e acabando coa que está a abrir un abismo entre a vella nación española e as novas que se foron xestando ao longo do século XX, abismo que ameaza con desguazar o Estado. Pero tal función impulsora dun beneficio (ou dun prexuízo) social ou político masivo está constitucionalmente reservada ás Cortes e ao Goberno. Como moito, Felipe VI poderá facer de augusto corre-vai-e-dille na esperanza de que a xente pense que está facendo moito a prol diso que rara vez existe pero que está en boca de todos: os intereses xerais.

E se cadra sáelle ben. Todo dependerá, por un lado, de cómo evolucione o volume do sector social alérxico aos cambios, por aquilo de que o remedio pode ser peor que a enfermidade, e por outro lado, de que as fracturas vaian reducíndose ou vaian agravándose. Se acontece o primeiro, a pulsión antimonárquica aminorará e de mar brava pasaremos a marusía. Se acontece o segundo, aumentarán os convencidos de que a monarquía está no paquete dos males a combater e a Coroa volverá situarse, desta vez non por vontade propia, nun dos lados da trincheira entre as dúas (ou as tres, ou as catro) Españas. Daquela, Felipe de Borbón tería que navegar por un mar, máis que bravo, arborado. Pero tal escenario, amén de quizais improbable, está de momento lonxe. Hoxe é día para gozar da fermosa estampa do desfile rexio polas rúas de Madrid. Como unha regata co Mediterráneo en calma. Pero en seco. E sen Mateo Morral, o anarquista que en 1906 amargou cunha bomba a voda do seu bisavó Alfonso XIII.

Justo Beramendi es catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago.