Felipe

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Que a coroa non pese demasiado, maxestade. Que o interese xeral prime sobre os grupos, contubernios, clases, categorías, familias, xerarquías, xéneros e razas. Que a serenidade sexa compañeira, digo que a moderación gane a partida á improvisación, excitación ou virulencia. Que os que menos teñen figuren sempre no frontispicio das intencións Que a mensaxe de Nadal non pareza momificada. Que non teñamos que avergonzarnos nunca por unha fotografía, nin tampouco polo silencio diante do oprobio da parcialidade, o nepotismo ou as urdangarinescas prebendas. Que gane altura intelectual o discurso; a tal efecto podemos repasar as pláticas da raíña Isabel, inglesa e británica, para comprender que as xefaturas de Estado non teñen por qué ser vulgares, rústicas ou simples. Pido, polo tanto, unha maior altura teórica, erudita, culta: porque en España naceron e traballaron Cervantes, Velázquez, Valle-Inclán, Picasso e Álvaro Cunqueiro (aínda que podía citar unha nómina capaz de completar as edicións de La Voz). Que o imposible sexa posible. Que chova a gusto da maioría ou, cando menos, que non chova sempre nos mesmos tellados: temos tantos orificios, algúns irreparables, que non soportaremos outra broca ou berbiquí, recorte por recorte. Que os anos en Galicia sirvan para que Galicia, o país das marabillas, camiñe sempre cosida ao corazón. Que non perda máis que tanto leva perdido. Que o silencio fronte ás secesións e independencias e pendencias (os nosos fillos serán un vinte por cento máis pobres) non sexa clamor. Que as minorías non parezan colectividade. Que o apoio aos libros vaia máis alá das feiras, premios e concursos e convites. Moita sorte para vostede. E para Nós, Felipe.