¿Qué terá?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Que terá o fútbol que pasa por riba de todo? Jorge Mira, no seu libro A ciencia no punto de mira, dá algunhas claves. A primeira que me vén á memoria é a da incerteza de quen pode gañar un partido, porque non hai estatísticas que determinen nada. Non é a primeira vez que un pequeno pode «comer» a un grande. Con todo, a min non me chegan as explicacións. Máis ca nada porque se coan as novas das vitorias e as derrotas por igual. ¿Que non sei quen gaña a liga? Catorce días falando diso, enchendo os noticiarios con todos e cada un dos detalles do partido, os comentarios, e as celebracións. ¿Que a selección perde un partido? O mesmo. Horas e horas, ata que se dispute o seguinte, de elucubracións. Estratexias, posibles causas, cambios? Todos somos adestradores e xogadores dende o sofá da casa. Por iso, por semellante mediatización do devandito deporte (mentres outros pasan completamente inadvertidos), ata podo chegar a entender que quede medio perdida a noticia de que o Goberno vai privatizar AENA. ¿Que é un titular fronte a vinte minutos de comentarios, ata dos cambios de imaxe dos xogadores? Nada.

O que xa non tolero é que pase por diante de nós o anuncio de que hai mil nenos galegos que precisan do comedor escolar no verán para non pasar fame? e quedemos impertérritos. ¿Onde van as nosas conciencias? ¿Ou o noso entendemento para que un xogo once contra once batendo nun balón, poida coa fame dos pequenos? Detéñanse un momento, pensen neses pequenos. Establezamos prioridades.