S e a nova lei do alcohol consigue superar os obstáculos en varias frontes, vai haber unha enorme transformación cocial. As multas de ata 600.000 euros para establecementos que venden bebidas alcohólicas a menores e as sancións para os pais dos nenos que a policía atope bebendo, son verdadeiramente disuasorias. Pero non vai ser doado levala adiante. Somos herdeiros dunha tradición na que o alcohol é parte da vida cotiá. Lémbrome das chulas que a miña avoa me daba como postre. Eran uns boliños de pan vello, embebido en ovo e un pouco de leite. Fritíanse e deixábanse repousar en viño quente e doce, que se bebía xunto coa chula. Tamén se podían mergullar en leite, pero eu prefería as de viño. E na miña adolescencia, miña nai intentou loitar coa miña delgadeza dándome a media mañá a xema dun ovo cru, acompañada de quina Santa Catalina, anunciada como «medicina y golosina». Non eran costumes recomendables pero non tiveron as consecuencias desastrosas do actual botellón, onde a graza consiste en emborracharse, e que é práctica común nos fins de semana para un 30 % de rapaces entre os 13 e 17 anos. Ogallá que a nova lei poda cambialo, e que a prohibición non sexa un novo atractivo e orixe de delincuencia, como sucedeu coa Lei seca.