¡Cuídate, España, de tu propia España!

Francisco Cerviño FIRMA INVITADA

OPINIÓN

13 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Son republicano. Fillo, neto e sobriño de republicanos fuxidos, represaliados, desterrados, encadeados, exiliados.

As miñas referencias épicas son os milicianos da ponte dos Franceses e a Casa de Campo, os soldados da III Brigada mixta na fronte do Gandesa, o paso do Ebro polo V Rexemento.

A miña bandeira é a tricolor (e a galega), pero admito e respecto a constitucional, aínda que cando é demasiado grande, como a da praza de Colón, ou hai moitas xuntas, éntrame un desasosego que eu creo que é simplemente medo. Quen non vivira o franquismo dende o sentimento de ser un perdedor da guerra, mesmo nacendo despois de rematada, ou na oposición ao réxime (¡aquel si que era un réxime!), quizais non poida entendelo.

Se houbese un referendo para decidir entre monarquía ou república, votaría república por imperativo categórico.

Non teño ningunha simpatía persoal polo rei Juan Carlos nin polo futuro rei Felipe, tampouco antipatía por este último; si polo rei actual despois do incidente de Botswana, aínda que eu creo que durante o seu reinado se lexitimou no exercicio da súa función porque foi útil á maioría dos cidadáns, único xeito de que unha institución desta índole teña sentido.

Afirmar que a monarquía parlamentaria actual é equivalente ao franquismo, cando socialistas, comunistas e independentistas están sentados nos parlamentos e nos gobernos é simplemente unha estupidez. Afirmar que república equivale a democracia e monarquía a ditadura, non ten ningún sustento cando os países máis avanzados de Europa en todos os aspectos, con excepción de Francia e Alemaña, son monarquías; monarquías que permitiron, a través da creación dos Estados de benestar, a extensión da «vida boa», en expresión de Keynes, ao maior número de persoas xamais acadado en ningún tempo e lugar. Como pedía Manuel Azaña, hai que ser verídicos... «a moderación, a cordura, a prudencia..., fúndanse no coñecemento da realidade, é dicir, na exactitude».

E isto tamén sucedeu no noso país, onde nun tempo moito máis curto acadamos un Estado de benestar comparable ao dos que o comezaron a implantar ao final da Segunda Guerra Mundial, por máis que nos últimos sete anos a extensión da «vida mala» e o incremento da desigualdade sexa intolerable. Pero pensar que unha república tería evitado isto é simplemente pensamento máxico. ¿Non son acaso repúblicas Grecia, Portugal e Irlanda?

O que posibilitou isto foi a estabilidade política sen a que nada é posible, e no noso país esa estabilidade proporcionouna a Constitución de 1978. Esta estabilidade débese ao pacto constitucional entre as forzas políticas, incluídos os comunistas e boa parte dos nacionalistas. Por primeira vez dende 1812 non se fixo unha constitución de media España contra a outra media. Entre 1834 e 1931 houbo seis, incluída a da II República, feita polas esquerdas fronte ás dereitas. «Esta es una Constitución de izquierdas», dixo o presidente da Comisión Constitucional, o deputado socialista Jiménez de Asúa. E respondeulle o líder das dereitas Gil Robles: «Esta constitución no puede ser nuestra. Abriremos un nuevo período constituyente». Máis que un punto de encontro, a Constitución prefigurou dous polos enfrontados, e corría o risco de converterse nun campo de batalla, como ao final dramaticamente así foi, aínda que as causas da guerra sexan máis complexas.

No 78 corríase ese risco. Non foi o medo aos militares o que condicionou a Constitución, senón o terrible recordo da guerra civil, presente na memoria colectiva dos españois o que empuxou ao pacto constitucional.

Traer agora a república non é urxente nin importante, se nos movemos en termos de razón e non de emoción. Pero é verdade que para moita xente a república non é só unha forma de Estado, senón e principalmente a nostalxia dun paraíso perdido, como di R. Buckley. Foi como un soño, cantan os republicanos presos no patio da cadea da Coruña no filme de Antón Reixa sobre o texto de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro.

Os soños, as utopías, son necesarias, pero agora a maior utopía para moita xente é acadar un posto de traballo. Días pasados nunha viñeta dun xornal preguntábanlle a un «pobre»: ¿Que prefires, monarquía parlamentaria ou república?». «Un posto de traballo», respondeu. Creo que aí está o cerne no momento actual.

E os que pensen que é importante e urxente traer a república agora, deben plantearse facelo nun Estado de dereito, acumulando forzas, xerando hexemonía social, como di Gramsci, para empuxar unha reforma da Constitución que aborde esta cuestión, e outras para min máis graves, como é a posible ruptura de España (agora si, señor Rajoy, agora si). Unha reforma que non sexa de novo a de media España contra a outra media, que tan terribles consecuencias tivo.

Como poetizou, traxicamente, Cesar Vallejo: «¡Cuídate, España, de tu propia España!».

Francisco Cerviño é militante do PSdeG-PSOE.