Compostela

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

Agora, cando por fin un outro alcalde popular que chegou de retruque á alcaldía compostelá deixa o seu bastón de mando, non por propio convencemento, senón porque o seu xefe de partido non dá aturado por máis tempo -e foi dabondo- a situación creada por esa burleira lista municipal coa que gañou as eleccións do 2011, sinto non ter a man -e ben sei que o gardo con emoción- aquela serie de coleccionables de La Voz de Galicia que se chamou Compostela.

Picheleiro de nación, os sucesos da corporación compostelá nestes tres últimos anos fixéronme pensar que un dos días que volvera podería terse esvaído Compostela. Xa non era que na súa liña de ceo mandaran hai tempo, aló cara Sigüeiro, tres edificios sobordando por tras das torres da Catedral. Ou, vindo dende San Marcos, un dera coas novas curvas inconclusas do Gaiás para distraelo da sempre esperada aparición da Berenguela ou a Carraca. Sucedeu que dous feitos municipais deste Goberno en retirada chegados pola prensa déronme arrepíos. Un, a rotonda a construír no parque de Galeras deturpando unha das mellores actuacións urbanas no entorno do Carme de Abaixo e o río Sarela. Outro, a intervención autorizada nos nichos do antigo cemiterio do Rosario, hoxe parque de Bonaval, tratados con creativas colores.

Eu ben sei que ámbolos dous, na perspectiva do tal esfarelado Goberno popular municipal, pódense considerar miudallos. E afeitos como estamos ao feísmo e a meter man creadora no xa creado e ben creado, non ían ser estes os feitos que sublevaran aos composteláns, e mesmo algúns de entre eles poderían ter o seu contento.

Mais un é raro, e entende que si un Goberno non atende e atenta contra estas cativas partes da vida da cidade, canto non fará onde uns outros e mais fortes intereses podan querer levalo. Por elo, agradezo que o tal Goberno municipal chegara, ben que por outras actuacións, á súa inhabilitación. Tal como lle aconteceu a aquel poderoso magnate italoamericano por andar a mal coa facenda, por mais que andar andara noutras lerias.

Facer listas electorais e soerguer candidatos ten o seu aquel. Máis nos tempos que corren, nos que ensoberbecerse e andar de intocable pode levar á desfeita. Nin andan os cidadáns no de aguantar, nin xuíces e fiscais deixan correr. A ultima corporación municipal compostelán, mesmo antes de ser elixida, daba sinal de ir sobrada de mais. E non. Cando menos por decencia. A resposta serodia e inquietante do Partido Popular á desfeita argallada pola súa lista municipal pechada e bloqueada, non dando paso a unha xestora -tal que en Cangas do Morrazo ou Málaga-, leva a Agustín Hernández a termar dunha desfeita que non merece. Por máis que parecera que ser alcalde é o mellor, para os que están e os que non queren marchar.

Aos picheleiros de nación quédannos as rogativas, e aos veciños con dereito a voto a súa decisiva decisión para que non sigan en Raxoi quen non saben apreciar o que cantaba da grande vila galega aquela escolla fermosa publicada en Compostela.