Nenas negras

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

09 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai xa mes e medio que máis de duascentas nenas nixerianas foron raptadas por un grupo terrorista sen que o Goberno de Nixeria nin o de ningún outro país tomase unha decisión que permita liberalas.

Non houbo nada parecido á operación Zorro del desierto contra Sadam Huseín e a conseguinte invasión de Iraq, na que España, por certo, participou, e que culminou coa morte na forca do ditador. Había moito petróleo por medio, e xa se sabe que neses casos as leis internacionais son bastante laxas no que se refire a invasións.

Tampouco houbo unha intervención de unidades de elite americanas como as que actuaron na operación Lanza de Neptuno, que culminou coa morte, ou mellor diriamos co asasinato, dun Bin Laden desarmado e rodeado da súa familia, e que se levou a cabo sen contar coa participación do Exército ou a policía do país no que estaba refuxiado.

O Exército de Nixeria di que sabe onde están as secuestradas, pero que non sabe como liberalas sen poñer en perigo as súas vidas. E o resto do mundo pouco máis ten feito que sacar letreiriños de «Devolvédenos as nosas nenas», que lle deben de dar moita risa ao terroristas de Boko Haram, que saben moi ben que as nenas son máis súas, por ser nixerianas, que dos que se fotografan co cartel. Pregúntome que tería pasado se as secuestradas fosen, por exemplo, mozas americanas ou alemás. ¡Pobres nenas negras!