Para que nada cambie

O vello dito de Lampedusa, cambiar para que nada cambie, sería ao meu ver a mellor maneira de sintetizar o significado real da abdicación do monarca español, tan desgastado en todos os sentidos, e aínda tamén desprestixiado nos últimos tempos, un cambio que cumpría para que todo seguise como estaba. Unha medida moi conservadora.

Non somos un país tranquilo, dicía un amigo meu formado na Gran Bretaña. Para calquera nimiedade necesitamos armar un barullo que non cadra coa entidade real da cuestión, xa se trate do gol de Iniesta no Mundial do 2010 (e moito antes o de Zarra, en 1950) ou dun acto tan normal como debera ser a sucesión dun monarca. Un gol pode cambiar o panorama futbolístico ou deportivo dun país, pero a sucesión xa prevista dun monarca, en comparanza, é cambio moito menor. Mala cousa que fose maior.

Preston, Santos Juliá e algún outro, historiadores solventes, referíronse á abdicación cunha retórica -boa retórica, iso si- que poñía ben ás claras que a cousa non era para tanto, que todo se reducía a un acto normal, nada extraordinario, e do que ninguén espera cambios e si continuidade.

«Todo va a seguir igual», como con acerto dixo dona Sofía: a continuidade monárquica e os urxentes problemas que temos, incapaz o Goberno de resolvelos. Pero agora ten boa ocasión para, por un tempo, distraernos abouxándonos con imaxes dos fastos, cheas de serenidade e de augusta placidez. Por se algo se nos contaxia.

Ao cabo, nada novo importante nos agarda despois deste mes, senón máis do mesmo. Ao mellor nin sequera é bo que sexa doutra maneira, porque a monarquía é continuidade. Infelizmente, os nosos graves e urxentes problemas seguirán sendo os mesmos. E destes prefírese non falar ou ocultalos detrás da fogaxe de tanto rebumbio. ¿Ou non?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos

Para que nada cambie