Despois de que Franco elixise sucesor a don Juan Carlos, a título de rei, o nomeamento tiña que ser ratificado polas Cortes. O príncipe sabía que a votación estaba gañada, pero quería facelo coa menor oposición posible e tentou asegurar o voto da Falanxe nun xantar co líder máis carismático, Antonio Girón de Velasco, exministro de Traballo e presidente da Confederación de ex Combatientes.
O príncipe Juan Carlos preguntoulle se podía tutealo, e Girón, rabudo, respondeulle que mentres non o alcumase, podía tratalo como quixera. Despois, para deixar as cousas claras, soltoulle un discurso sobre as excelencias do Movemento Nacional.
Non era un bo comezo, pero don Juan Carlos asentiu e empezou a facer gala da súa simpatía natural, e a inicial acritude de Girón foi desaparecendo. O príncipe caeulle tan ben, que nos postres xa prometera apoialo.
Parecía que o si do León de Fuengirola, o primeiro falanxista de España, garantía nas Cortes unha ratificación por aclamación, pero non foi así. O 22 de xullo de 1969 don Juan Carlos obtivo 491 votos a favor, 9 abstencións e 19 en contra. Destes, os máis foron dos monárquicos, que defendían a lexitimidade de don Juan.
Pero o príncipe gañou por goleada.