A excepcional abdicación: un test para a monarquía

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Unha abdicación é unha excepción nas monarquías que se entenden historicamente e aínda hoxe como unha fonte de estabilidade política e garantía de continuidade. A norma -que mesmo está nos contos infantís- é que á morte do rei sexa proclamado rei un fillo seu príncipe xa previsto como herdeiro e sucesor. Dende os Reis Católicos só abdicaron Carlos V (I de España) e Filipe V, que recuncou antes dun ano, sen contar a comedia de Bayona de Carlos IV e o seu fillo Fernando. Por iso a abdicación de Xoán Carlos e excepcional. Tanto como foi a do papa Bieito. A diferenza é que neste caso o sucesor ven dado e non pode escollerse nin sequera nun reducido grupo.

A actual monarquía española está moi vinculada a unha conxuntura. A diferenza doutras casas monárquicas europeas, non se asenta na tradición, coa súa carga de inercia e cultura, senón no exercicio, e iso faina moito máis vulnerable ao debate democrático, porque para ser excluída das decisións colectivas só conta cunha lexitimidade de orixe, vinculada a un tempo, a transición, e a un rei concreto, Xoán Carlos I. O servizo que rendeu é coñecido, recoñecido e relembrado a cotío: colaborar no paso da ditadura á democracia e na superación do franquismo. Iso permitiulle empatar forzadamente coa lexitimidade de Afonso XIII e, saltando a seu pai, lexitimarse como rei entre 1975 e 1981 e manter esa lexitimidade aparentemente intacta ata o elefante e Urdangarin.

A abdicación non pode concibirse máis que como un mecanismo de defensa e un intento de afortalamento da institución monárquica en España. Igual que a renuncia do papa respecto da Igrexa. Logrou envellecer de golpe todas as noticias e situar no centro das preocupacións o futuro colectivo. Como no pasado, a memoria e as ameazas do pasado van xogar un intenso papel nos días futuros. Lembraremos cando eramos máis novos e cando logramos facer o imposible pero estivemos a piques de fracasar. E colocarase novamente en primeiro plano o relevo, o cambio xeracional como garantía de todos os futuros. A xuventude como auténtico deus da modernidade e o cambio como solución a todos os males. Aínda que Xoán Carlos tiña 37 anos e Felipe 46.

Xa non é noticia Podemos, a crise do PSOE, a económica, nin sequera Cataluña, por un tempo a tarefa colectiva, os deberes que nos impoñen, son outros que remiten á convivencia, ao futuro e aos grandes valores. Un reto, si, unha proba de madureza nunha monarquía sen monárquicos. A abdicación é tamén unha proba do ameazado que se sinte o sistema monárquico, cun monarca abertamente cuestionado, un bipartidismo ameazado polo voto declaradamente republicano, e unha situación económica que envolve todo e apunta á novidade como nas recentes eleccións.

Como me dicía a nena de 11 anos que onte andaba ao meu carón: «que máis lle ten a Filipe ser príncipe ou rei, se total non ten nada que facer... vale, si, o discurso de Nadal pero ese nin sequera o ve ninguén». As xeracións da democracia non están educadas, por ventura, no medo ao pasado e si na lóxica democrática e de dereitos do presente. Saben distinguir os contos de princesas da realidade cotiá. Un triunfo desta democracia monárquica. O reinado de Xoán Carlos durou o mesmo que o franquismo: 39 anos.