Aparte da crise e o fútbol, que copan os medios informativos, hai outras noticias da vida na nosa comunidade. Unha nena pasea coa sua cadeliña por unha estrada cando, segundo conta, tres homes baixan dunha furgoneta e intentan secuestrala. Coa axuda da cadeliña consegue escapar. Soa a serie televisiva, pero por se acaso a Garda Civil do Vicedo investiga. De película de terror foi o acontecido a unha moza en Narón. Sentada no baño, oíu ruido polos canos e sentiu unha mordedela nun glúteo. Era unha serpe que lle deixou a marca dos dentes. A policía busca o insensato veciño que, como adoita suceder, se desfixo da súa perigosa mascota botándoa ao inodoro.
E a concelleira de Igualdade do Grove pide que se retire o cartel dunha concentración de motos onde se ve en primeiro plano o traseiro dunha muller vestida cun mínimo bikini. O presidente dos moteiros, de nome Yamandú, non ve razóns para retiralo. En Muxía unha artista noviña quere presidir unha mesa electoral vestindo unha camiseta co seu tórax nu impreso. Unha perfomance, parte do seu traballo para un máster de Creación de Arte Contemporánea. Non sei se llo permitirán, porque Muxía é unha mesa electoral non é o estudo de Nova York de Andy Warhol, pero non me negarán que a moza apunta maneiras.