Don Gravatiña

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

25 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Celso Emilio falou nun célebre poema dos «pequenos patufos desleigados que, ao pór a garavata, xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros». Penso niso ultimamente, seguramente pola campaña electoral que ateigou os medios con engravatados dese tipo, ou quizais porque, en fin, abunda a xente que cre que a autoridade se viste co traxe en lugar de gañala co cerebro.

España está chea de Don Gravatiñas que ademais, en Galicia, engaden á gravata a manía de falar en castelán. Celso Emilio referíase a estes. O don Gravatiña típico é o home que senta ao teu carón nun bar e, ao oírte falar en galego, mira para ti cunha habilidosa mestura de noxo, mágoa e rancor. O don Gravatiña é ese compañeiro que un día ascende, e entra no armario para saír cargado de traxes e zapatos con alzas, coma Sarkozy. Don Gravatiña nunca fai a compra, nunca toma cañas nas terrazas, nunca senta no chan, nunca aparca na ORA., nunca usa un baño público, por iso, porque é don Gravatiña e levita en vez de camiñar. Don Gravatiña devece por un cargo nunha deputación provincial, aínda que podería ser dependente de grandes almacéns que chegou a «encargado», garda civil coa libreta de multas na man, axente de seguros de decesos, director de oficina bancaria decidindo préstamos hipotecarios (tisí, tinón, tisí, tinón), inspector de Facenda, inspector de Educación, inspector de autobús.

Igual lles parece unha parvada, pero a min preocúpame esta burbulla de gravatas que demostra que en España souberon a pouco estes anos nos que non podiamos permitirnos as gravatas. Molabamos máis co pescozo da camisa aberto ensinando os pelos do peito, feos pero auténticos.