Foi un fermoso día en Guitiriz o sábado, día 17. Galicia festexaba unha nova edición do Día das Letras Galegas facendo memoria da obra dun dos máximos poetas de calquera tempo. A vila enteira fervía: nas vidreiras dos comercios, nas fachadas dos edificios... a vila enteira poñía de manifesto que estaba de festa en homenaxe ao seu poeta e ás letras galegas.
As escolas tiveron unha actividade moi sinalada para homenaxear ao que foi veciño da vila, hoxe prócer ilustre da mesma e das letras do país. Mozos e mozas de todas as idades conxuntáronse para homenaxear ao poeta de Nimbos. E o mesmo o Concello e asociacións culturais da vila. O máis vivo de Guitiriz rendendo homenaxe a Xosé María Díaz Castro.
Sempre se di que o tempo vai poñendo as cousas no seu lugar. E así é: Díaz Castro fixo a súa entrada na poesía galega en tempos pouco propicios para a que el creaba. Tampouco o seu libro Nimbos apareceu nun momento propicio, pois eran outras as inquedanzas que buligaban entre os poetas daquela sociedade.
Empeza o país a se decatar de que ese home, de obra non longa, é un extraordinario poeta, autor dunha obra de moitos quilates, densa, de perfecta execución e chea de sabedoría. Escribiu menos San Juan de la Cruz, e aínda tamén Rimbaud, e non por iso deixan de ser moi altos cumes da lírica de todos os tempos.
Produciume felicidade comprobar o que sospeito dende hai moito tempo: que o mellor de Galicia está nas pequenas vilas e pobos do país, aínda non estragados pola torpe política que nos invade, capaces de entregarse sen limitacións e con entusiasmo, que saben crear porque cren, dispostos a compartir, porque si, alegría e ilusión cos demais. Ao cabo, a cultura tamén é iso. Esa Galicia aínda nos pode dar fe e esperanza.