Hai algo lírico no feito de que un tribunal dite unha sentenza sobre o esquecemento. Ata agora, este do esquecemento era un tema reservado aos poetas e aos tangos, que trataban e tratan o asunto abundantemente. Para Neruda o amor era curto e o esquecemento longo, pero no famoso tango de Gardel existía en cambio a posibilidade de facer desaparecer tanto a mágoa como o esquecemento («no habrá más penas ni olvido»). Agora o Tribunal de Xustiza Europeo vén de ditaminar a favor de Neruda e contra Gardel, como se dixésemos. Falo da sentenza na que vén de recoñecer o «dereito ao esquecemento» en Internet, é dicir o dereito a esixir que se borren da Rede contidos vellos que se converten nun lastre para a vida das persoas pero que permanecen aí para sempre.
Internet: A xente pensa que a súa característica principal é a rapidez coa que flúe a información por ela, pero o verdadeiramente singular aquí non é a velocidade senón a duración. Non é unha autopista da información senón máis ben un cemiterio de automóbiles. Por citar a outro poeta, na Rede todo pasa e todo queda. En certo sentido, é o máis semellante ao outro mundo que se teña creado neste. Alí a realidade vólvese incorpórea, e é coma se morrese: non ocupa lugar e o seu tempo é infinito. Castigos e recompensas son eternas. Tan só a morte e internet son para sempre, e a Rede é como o Día do Xuízo Final pero todos os días: pos o nome dunha persoa calquera nun buscador e sairán todos os seus tropezos, as súas multas de tráfico, os impagados, as fotos da borracheira da adolescencia, o comentario politicamente incorrecto que en realidade era unha broma, a condena por asasinato dun tipo que se chama exactamente igual pero que non é un mesmo. Por suposto, tamén hai algunhas cousas boas que a un non lle importaría que se lembrasen. Pero non hai que enganarse: o carácter interactivo da Rede e a súa estrutura viral garanten que o negativo sempre predomine. Para os romanos, a Fama non era a deusa da celebridade senón a do rumor porque intuían que ao final un acaba case sempre sendo famoso para mal.
Por iso chama a atención a cantidade de xente que está en contra deste dereito a esquecemento que acaba de aprobar o Tribunal Europeo. Queremos ser anónimos en internet, pero non que o sexan os demais. Onte e antonte escoitábanse algunhas voces que se mostraban preocupadas por banalidades como que «os políticos puidesen borrar os seus antecedentes corruptos», coma se isto tivese algunha importancia. É a esquerda, sobre todo, a que se pon do lado das grandes empresas tecnolóxicas neste asunto, porque a convenceron de que Internet é unha forza revolucionaria e de que a información nos fará libres, como se fose o mesmo que a verdade.
É un dos grandes malentendidos desta época nosa. Despois de todo, a democracia consiste no equilibrio entre a necesidade de que o teñan a un en conta e o dereito a que o deixen en paz, e nunha sociedade da información, a información é o poder do que hai que protexerse.
Probablemente é aínda cedo para que nos decatemos, pero todo empeza a apuntar, de feito, a que a grande loita pola liberdade no século XXI non só non se vai librar con Internet senón, precisamente, contra Internet. Esta sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza é unha pequena vitoria para a sociedade fronte ás empresas de publicidade. Pero nin sequera é unha batalla, senón unha simple escaramuza.
A longo prazo non hai razóns para ser optimista, porque as empresas de publicidade e os gobernos son xustamente os que están en posesión dun importante segredo: que a xente, como o Segismundo de Calderón, soña coa liberdade pero non quere ser libre.