Merche Dans e a universidade en risco

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

As universidades están en proceso de cambio e as que non están deberan estalo. Nesta mudanza, reclamada cada vez por máis voces e aínda nunha grande confusión, compre distinguir o grao da palla. A trinta anos da Lei de Reforma Universitaria que deu luz en 1984 á actual universidade, o tempo da inercia está esgotado. A necesidade dunha reforma interna é inaprazable para que non lla fagan só dende fóra e debe acometerse para que as ameazas que a axexan non a desfagan. A Universidade que coñecemos nas últimas tres décadas está ameazada porque é boa, demandada e necesaria. Se non fora boa non estaría ameazada nin sufriría quendas de desprestixio: nesta economía de mercado estaría sendo substituída polas universidades privadas que dende hai vinte anos proliferan coma fungos. Os estudos universitarios son socialmente demandados dende os anos trinta e accesibles por fin dende os anos setenta. Sobre a necesidade de universidades públicas fortes xa dixeron todo os norteamericanos nos anos sesenta e setenta, cando se empeñaron en construír un sistema público de alto nivel semellante ao europeo, Reino Unido incluído.

Está de moda falar mal da universidade. Aquí e agora. Razóns non faltan, pero ás veces falta razón. Mentres, no medio da crise, seguimos a alentar, agardar ou temer, segundo os casos, esa necesaria reforma interna que non dá chegado. Sucédense os lamentos doentes dos docentes, sempre ben atendidos pero case nunca entendidos dende os poderes políticos vixentes. O último lamento, escrito por C. E. Núñez, profesora de Historia económica que foi directora xeral de Universidades de Madrid, titulado Universidad y ciencia en España. Claves de un fracaso y vías de solución, é un bo exemplo de claridade sobre o fracaso e confusión sobre a solución. Por iso Julio Carabaña, un notable sociólogo da educación, reseñouno criticamente como Crónica dun fracaso. Os males son tan inmensos que non teñen máis solución que o cataclismo. Nesta confusión hai unha universidade que pode desaparecer: a boa universidade pública que garante a igualdade de oportunidades e o ascenso social inimaxinable hai cinco décadas. A universidade de Merche Dans.

Na aula magna de Historia estoutro día despedimos da vida a Merche Dans (1969-2014), nun acto organizado polas amizades da época universitaria. Ten nome de actriz esta coruñesa de Labañou criada en Iñás mentres seus pais estaban emigrados; formada na educación pública, licenciouse en Compostela, foi investigadora e logo profesora en varios institutos. Muller representativa dunha época e dunha universidade que si compre conservar. Filla de emigrantes, estaba convencida de que as oportunidades que tiña a súa xeración debían ser aproveitadas e que a elas xa non lles tocaría emigrar. Foi persistente, organizadora e comprometida para representar aos estudantes na xunta de facultade, á universidade na mesa do claustro ou para ser xefa de estudos nun instituto. A vida foille ingrata antes de tempo pero ela foille sempre grata á vida, á convivencia e a quen a coñeceu e puido disfrutar o seu sorriso familiar. A terra seralle leve e a memoria xusta.