Todos suspensos

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Se eu chegase a casa, en sendo rapaz, con semellantes notas, habiámola ter boa. Non vou presumir agora de expediente brillante. En quinto e sexto de bacharelato algunhas quedaron para setembro (entre elas a Formación de Espírito Nacional), sobre todo cando se cruzou na miña adolescencia unha veciña xeitosa que me tivo varios meses suspirando polos bancos da alameda. Pero andar por debaixo dun 3 era un desastre, non digamos un 1,89 ou un 2,45, que seica son as cualificacións do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) para as nosas institucións e representantes políticos. ¡Unha catástrofe!

Certo que as circunstancias son difíciles. A crise económica, un auténtico tsunami, xurdiu para levalo todo por diante. Non é pouco miragre que algunhas paredes resistan. Certo que as cualificacións veñen da cidadanía (a opinión pública) e que a cidadanía tende a sublimar na descalificación dos políticos non só a súa frustración, senón tamén as súas responsabilidades. Os políticos son un produto da cidadanía, non unha realidade estraña. Se están aí é porque nós, os cidadáns, os sostemos e votamos. En gran medida son un espello de nós mesmos. Mais habemos de recoñecer que nunca a valoración foi tan cativa: partidos políticos (1,89), Goberno (2,45), Parlamento (2,63), sindicatos (2,51), patronal (2,94), a monarquía (3,72)?

Cando os responsables do barómetro preguntan polo sentimento que esperta na xente a actividade política, a resposta maioritaria é, con moito, «desconfianza». Esta é, probablemente, unha das claves da situación. Cando se perde a confianza (nas institucións ou nas persoas) é difícil recuperala. Os responsables do sistema (os nosos gobernantes, incluída a oposición) deberían facer autocrítica. Primeiro: a clase política converteuse nunha especie de territorio estanco, incluso endogámico, que se alimenta de si mesmo, máis ao servizo dos seus intereses particulares (ou de partido) que ao servizo dos intereses xerais. Segundo: os partidos, mesmo os sindicatos, semellan oficinas de colocación, preocupados máis pola continuidade ou renovación do contrato dos seus dirixentes (profesionalizados) que de afrontar solucións ou asumir riscos. Terceiro: a retórica de púlpito acabou substituíndo ás ideas. Sen ideas (sen propostas) non hai futuro e, por tanto, tampouco credibilidade. Cuarto: os responsables da economía (patronal) campan por libre nunha dialéctica repetitiva na que seica o problema parece que sempre está fóra deles. Quinto: o sector financeiro, primeiro responsable da crise, sae librado da situación coma se a cousa non fose da súa incumbencia. Non falemos de indemnizacións e impunidades, nalgúns casos escandalosas. Sexto: a corrupción percíbese como unha realidade que todo o contamina, mais extraviada nunha zaragallada de acusacións, imputacións, recursos e contrarrecursos que fan interminables os encausamentos e semella que ata os propios xuíces andan perdidos no labirinto. Xa ninguén sabe en que consiste exactamente a xustiza. Etc... E o 25 de maio chámannos a votar.