Decepcionados

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

01 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Crecerán as papoulas, lirios, e o xasmín envolverá co seu recendo a túa pel fría. En maio os bicos chegarán urxentes e non faltarán os gozos (sen as súas sombras). Ganarás a liga da alegría, ou empatarás con prórroga, e todas as lágrimas serán de gozosa emoción. Non temerás. En maio só recordarás os bos instantes e esquecerás as falsías, felonías e infamias. Mirarás e admirarás a beleza (que está por todas partes). Escoitarás a Bach na sonata/chío do ouriol e do cuco. Permanecerás atado a un horizonte cor añil. Vencerás o himno dos vencidos. Non temerás. Serás agradecido: porque tanta luz, primavera arriba, merece gratificación e recoñecemento. Esta vez non dirás non cando queiras dicir si, nin si cando sexa non: a sinceridade e a valentía, aínda que non o promulguen os dicionarios, son palabras sinónimas. Aprenderás a lección dos días: ese galano, obsequio e dádiva que nos ofrece o destino. Amarás ao que teñas cerca: porque ese é o amor máis difícil. Non levantarás a voz en vano (só para cantar). Hoxe, Día do Traballo, pedirás que remate definitivamente a lacra, humillación, infortunio, afrenta e ultraxe do paro. Santificarás a tenrura, especialmente ti, que pensas que a tenrura é empalago. Pasarás dos que debas pasar. Non temerás. Intentarás non odiar, incluso a aqueles que fan do odio o seu principal principio. Respectarás: porque só o respecto funda todos os progresos humanos. En maio, mes das Letras, reclamarás 365 días para elas, damas damas. Non estarás triste. Respirarás, serenarás, aliviarás (aos outros, o teu espello). Vivir has, sorrir has, soñar has. En maio, prometo.