Baila. Non te abraces á tristeza. Pero se ela persevera, e insiste, e apreta con dedos de titanio, e afoga, e ladrona de carmín parte o teus labios, persiste, reitera, porfía a tristeza, daquela, con inquebrantable ousadía, desabrázate. Dos malos, desabrázate. Da luz escura e dos escuros disfrazados de luz, dos perversos e totalitarios, das sectas e sectarios, desabrázate. En ocasións custa esforzo proteico desenmarañar o seu cabelo despeiteado, non escoitar o canto de serea da súa voz. En ocasións non poderás, pero inténtao. Se les esta columna en voz alta, a tristeza escoitará risas, cancións, cariño, amores perdidamente perdidos, viño derramado nun mantel de prata, bruxas esplendorosas que cambian todos os poderes por unha taza de afecto. Le en voz alta, musicalmente. Acompaña cada liña co ritmo dos teus dedos, a culleriña do café, os pés acompasados, asubíos, palmas, guturais sons que arrancan do adentro. Desabrázate da tristeza. E máis neste abril que promete ser primavera. Desabrázate dos impulsos mesquiños, da ruindade e roñería e avaricia e egoísmo. Dos malasombras. Dos funambulistas da miseria. Desabrázate da vulgaridade: se te obstinas en ser ordinario, -minúscula e minúsculo- serás, efectivamente. Le en voz alta esta maxia ou feitizo, esta columna en alegre pílula de ventura. Cando chegues á última liña verás como ela, desairada, corre a outro lugar. Non volverá a aniñar na túa pel descalza. Camiñará soa, cabezabaixa, anacoreta e así ha de saber, desamparada, que nunca has de darlle pousada eterna. Desabrázate da tristeza. Un e dous e tres: Aumba bulula balanbambú!!!